Crónica | Achádego dun asno Hai tres días que Vicente, un veciño da parroquia de Céltigos, garda un animal que atopou á beira da casa. Percorre Ortigueira na procura do seu dono
09 nov 2006 . Actualizado a las 06:00 h.Aínda que o pareza, cos tempos que corren, perder un asno non é ningún imposible. E senón que lle pregunten a Vicente, veciño da parroquia de Céltigos, en Ortigueira. Hai tres días que saíu da casa, no lugar de Mazorgán e, nin a dous pasos da súa morada... Sorpresa. Un burrico campaba ás súas anchas polo camiño que dá ao seu fogar. Para evitar que o asno se extraviase, Vicente atouno nunha das súas leiras, coa esperanza de que aparecera o seu dono. Pero isto aínda non sucedeu tres días despois do seu achádego. Cousa que non se explica, Vicente comezou a percorrer a zona na procura do propietario do burro, que non levaba nin correaxe nin nada cando o atopou, segundo relata. Onte estivo pola parroquia de Loiba preguntando se alguén sabía algo dun animal extraviado. Pero ninguén lle soubo dicir... O asno non era de por alí. Vicente recorreu tamén ao Seprona, pero a contestación foi rotunda: non era competencia deles. O conflito xórdelle agora a este veciño de Ortigueira porque, aínda que quixera, non pode quedar co burro. Na súa casa está xa a Ramona, un asno femia á que non lle quere presentar ao galán que apareceu pola casa. Vicente pregúntase «¿pero de quen será este burro?» e por isto quixo facer público o achádego do asno e «buscarlle casa canto antes».