Crónica | Alcaldes e empresarios, en rebelión pola xestión do parque natural das Fragas A pasada semana, as críticas á Xunta chovían na comarca pola deixadez desta co principal punto turístico eumés. Pero nada comparado coa actualidade: o peche do centro de interpretación de Ombre provocou unha tromba de queixas de varios sectores
04 nov 2006 . Actualizado a las 06:00 h.«Pero que lle faría o Eume a Medio Ambiente». Entre lamentos, a persoa que pronuncia esta frase é Inma Sánchez, dona dunha das cantinas do Eume, vocal da Asociación de Hostaleiros da comarca e tamén secretaria do Centro de Iniciativas Turísticas (que engloba a Concellos e empresarios do Eume). A testemuña desta muller é unha boa mostra da revolución que está a provocar na comarca do Eume Medio Ambiente por mor da súa xestión do parque natural. Sobre todo, dende que esta mesma semana a consellería, por un problema de contratacións, botara o peche ao único centro de recepción de visitantes de todo o recinto, ubicado na parroquia de Ombre. Inma, que leva anos vendo como suceden as cousas no parque natural dende o seu negocio, non ten demasiadas esperanzas postas na consellería: «Mira, isto vai a peor, o de pechar o centro é xa o último, ¿pero que se cren, onde se vai informar a xente», di. Logo, esta muller de fácil palabra conta que, dada a falta de sinalización dalgúns portais do parque natural como o de A Capela ou Monfero, hai tempo que tomou unha solución sui xéneris: «Collín un día e encarguei salvamanteis cun mapa... é que me pasaba as tardes explicando como se podía circular polo parque». A súa historia non lle soa nada rara a Antonio Díaz, que pertence á mesma asociación en calidade de secretario e que, ademais, é o dono da cafetería anexa ao centro de recepción de visitantes de Ombre. Este home, ao que o día de Todos os Santos acudían desesperados os turistas en busca de explicacións ao atoparse, de súpeto, coa oficina de información pechada, contaba onte tamén que «o que pasa no Eume é incrible... aquí Medio Ambiente non se preocupa de nada. Se hai problemas co tráfico non importa, se non hai sinalización tampouco... a nosa imaxe é penosa e por riba isto está repercutindo moi negativamente na nosa economía, claro está». Eles, e outros empresarios de hostalería do Eume igualmente afectados , denuncian onte que as «falcatruadas» da consellería van aínda máis alá. E non escatimaron referencias ao feito de que eles mesmos denuncian verquidos ao río Eume e Covés e Xunta e Concellos (en concreto, o de Pontedeume) non actúan ou que, por exemplo, hai unha persoa interesada nun negocio de bicicletas de aluguer do parque ao que dende a Xunta soamente se lle dan largas. Para completar a súa negra radiografía da xestión do parque natural, están tamén os alcaldes da zona. Concretamente, Víctor Gerreiro, rexedor de As Pontes, foi quen falou en calidade de presidente do Centro de Iniciativas Turísticas de Cabanas. Guerreiro, que xa dixo a semana pasada que «Medio Ambiente ten que mellorar xa», indicou tralo peche do punto informativo de As Fragas que «era xa o golpe definitivo... e por riba din que non saben que pasou.... era o que nos faltaba a nós».