Medio Ambiente pecha o centro de visitantes de As Fragas do Eume

FERROL

JOSÉ PARDO

Eume O local está clausurado dende o día 1 e a consellería non aclara se é algo temporal Arredor de 500 persoas esperaron en van ás portas da oficina o día de Todos os Santos.

02 nov 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

? semana pasada, alcaldes e empresarios do Eume -a través do Centro de Iniciativas Turísticas (CIT)- lanzaron duras críticas a Medio Ambiente pola xestión que está a facer do parque natural Fragas do Eume. Fixérono, como eles dicían, esperando unha resposta positiva da Administración para que rematasen, por exemplo, os problemas co tráfico rodado no recinto, as carencias de sinalización nos portais de A Capela e Monfero... Sen embargo, só uns días despois destas críticas, Medio Ambiente non só non se comprometeu a mellorar a situación, senón que acaba de dar unha forte estocada a As Fragas, o motor turístico do Eume. Así, dende o pasado día 1 está pechado o Centro de Interpretación e Recepción de Visitantes de Ombre, en Pontedeume: o único lugar dentro do parque onde os turistas se poden informar sobre o que ver no recinto natural. A clausura, a primeira dende que está aberto o centro, tivo xa nefastas consecuencias na súa primeira xornada. Ao coincidir o primeiro día de peche co festivo de Todos os Santos, arredor de 500 persoas decidiron pasar o seu día libre recreando os seus sentidos na natureza de As Fragas do Eume. Moitos deles atopáronse cun atranco importante: ao estar o centro de visitantes de Ombre pechado, non podían obter información das rotas de sendeirismo; tampouco un mapa do recinto, nin indicacións de como chegar a Caaveiro e, por non haber, non se dispoñía nin duns servizos públicos abertos aos que poder acudir. Ante a situación, e sen que ninguén lles avisase de a que se debía o feito de atopar o centro pechado sen máis, moitos deles acudiron á cafetería anexa a este edificio de madeira. Alí, as queixas multiplicábanse e as conversas xiraban en torno á falta de tacto cos visitantes do, en teoría, principal atractivo turístico do Eume. As palabras do delegado Pese a esta cadea de acontecementos, Medio Ambiente non quixo dar demasiadas explicacións onte do peche do centro. O delegado provincial, Manuel Tajes, mesmo se mostrou sorprendido de que o recinto levase dous días pechados e indicou que non coñecía «en detalle o que sucedía». Iso si, sen confirmar se se trata de algo temporal ou dunha situación que se prolongará, o delegado provincial explicou que «a consellería vai mirar de que se trata». As outras explicacións Malia ás declaracións feitas dende a consellería, empresarios de hostalería do Eume e entidades da zona que se encargan da dinamización do turismo tiñan claro onte que «a consellería sabe moi ben o que sucede». De feito, explicaban que o problema está en que as tres persoas que traballaban como guías no centro de interpretación finalizaron o día 1 o seu contrato e polo momento non se lles renovou.