A feira pontesa encheu a vila de xente, que agotou axiña as novecentas racións de comida; entre os comensais estivo o conselleiro Suárez Canal para apoiar o certame.
01 nov 2006 . Actualizado a las 06:00 h.?oubo sol, houbo auga... O tempo foi perfecto para os cogomelos, que este outono son abundantes nos montes da comarca. Iso comentábase onte nunha abarrotada vila das Pontes, que por un día se converteu nun pequeno paraíso para os micólogos e en toda unha escola para os profanos na materia. Celebrábase a 17 Feira de Fungos de Cogomelos e Jesús Blanco non deixaba de correr entre as potas. Era un dos cociñeiros que preparou as 900 racións de comida que voaron en cousa de hora e pico. Voz autorizada, por tanto, para dar consellos sobre cogomelos. Aí van. Fundamentalmente as setas requiren moi pouco tempo de preparación, teñen pouca graxa e moitos nutrientes, pero Blanco aconsella comer poucas. A cousa é que son moi pesadas e poden resultar incluso indixestas para estómagos delicados. Na tradicional feira dos fungos estaba tamén un home de Ferrol que está a punto de converterse nun pontés máis. Por cuarto ano consecutivo, José Luis Cuba volveu gañar o concurso de setas por reunir 67 variedades diferentes de cogomelos nunha cesta. Recolleunas el mesmo ao longo de varios días en moitos lugares da comarca. De todos eles, dixo, «o meu paraíso está no Forgoselo», un monte cercan a As Pontes. Sabido onde se recollen e cómo se preparan, era hora de probar a comida feita con cogomelos e fungos. Ás dúas da tarde escaseaban xa as racións, pero a potaxe de garabanzos con setas estaba magnífica, cun toque picante e gusto a comino. Para apoiar á feira e ao sector estivo nas Pontes o conselleiro do Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, que probou a comida e falou do sector dos cogomelos en Galicia. Dixo que cada ano factura entre doce e trece millóns e que a consellería querría que se acadasen os vinte millóns. Para iso, Medio Rural aposta pola formación dos produtores e por estudar mecanismos que optimicen os cultivos.