Un convenio con Industria permitirá tamén facer un aparcadoiro na ?praia de Seselle
23 oct 2006 . Actualizado a las 07:00 h.As habituais tirantes relacións entre o goberno local de Ares e a Xunta bipartita van camiño de suavizarse, alomenos con algunha das consellerías. É o caso de Innovación e Industria. Non en van, onte era o propio alcalde, José Manuel Cendán, quen «con satisfacción» anunciaba que o departamento que dirixe o nacionalista Fernando Blanco e o Concello acaban de sacar adiante un convenio para cofinanciar un paquete de obras no casco histórico da vila. Uns traballos que, segundo indicou o rexedor, «o Concello licitará canto antes; moi pronto». As obras inclúen traballos diferentes. Para empezar, permitirán empedrar e peonizar catro rúas do casco histórico aresán. Trátase das zonas máis próximas ao mercado de abastos municipal. De feito, o alcalde indicou que «son coñecidas como o entorno do mercado, sen outro nome». A maiores, tamén se fará peonil a rúa Franxa. Concretamente, renovar o solo destas rúas e finalizar facéndoas peonís terá un custe de 278.000 euros. Desta cantidade, un total de 194.000 euros poñeraos a citada consellería e o resto sairá das arcas municipais. Polo momento, o Concello non ten aínda decidido si ao quedar estas rúas peonís haberá que reordenar o tráfico no centro da vila. O interior do mercado Por outra banda, o convenio con Industria inclúe tamén a remodelación do mercado de abastos. Unha mellora na que se inverterán 140.000 euros, dos que a consellería poñerá 98.000, e o resto, ao igual que co paquete de obras anteriores, terá que saír do Concello. Xa fóra do casco histórico, tamén se farán obras na praia de Seselle. Neste caso, a consellería inverterá 45.000 euros e o Concello uns 50.000 en facer as obras necesarias para dotar ao areal dun aparcadoiro. Trátase dunha actuación moi demandada polos veciños da zona e polos numerosos turistas que o Concello de Ares recibe cada verán polo feito de que, ao non haber lugar para estacionar, os coches soen aparcar a ámbolos dous lados da estrada que dá acceso á praia e as saídas quedan taponadas. A praza da igrexa Noutro orde de cousas, Cendán tamén falou da situación na que están os traballos da praza da igrexa. O alcalde indicou que, aínda que a intención do goberno local era asfaltar esa zona, «Patrimonio puxo algunha traba e pediu que polo menos unha parte vaia empedrada». Así, José Manuel Cendán explicou que «o custe das obras multiplícase, así que polo de agora haberá que esperar e intentar poñer unha partida para os traballos nos orzamentos do ano que vén».