A institución que preside Xosé Ramón Barreiro rende tributo ao histórico galeguista ferrolán Os académicos reuniranse na cidade nunha sesión plenaria de carácter extraordinario
30 sep 2006 . Actualizado a las 07:00 h.? Real Academia Galega xa lle comunicou oficialmente ao Concello de Ferrol a súa intención de celebrar na cidade a sesión plenaria de carácter extraordinario coa que a institución presidida por Xosé Ramón Barreiro lembrará a un dos seus fundadores: a Xosé Fontenla Leal, o histórico galeguista ferrolán que fixo posible, ademais -e neste caso en colaboración co mindoniense Pascual Veiga-, a creación do Himno Galego. «Aínda non temos a data definitiva, pero o que si podo adiantar é que esa sesión da Academia Galega vaise celebrar no teatro Jofre, cousa que para nós é un auténtico honor», sinala o concelleiro ferrolán de Cultura, Xosé Manuel Couce Fraguela. O Concello de Ferrol, ao longo de todo este ano, e en colaboración con entidades como o Real Coro Toxos e Froles e a Fundación Carlos Casares, xa impulsou todo tipo de actividades (desde encontros de investigadores ata actos en memoria do seu labor) a maneira de homenaxe póstuma a unha figura fundamental da cultura de Galicia. Sinala Couce, ademais, que «ao lembrarse de Fontenla, Ferrol non deixa de recodar tamén, con verdadeira veneración, á figura do seu amigo Pascual Veiga, fillo da cidade irmá de Mondoñedo e autor dunha obra que é para sempre patrimonio de todos os que aman a Galicia». «Pascual Veiga, si, un mindoniense en verdade universal que por certo -lembra Couce- coñecía moi ben, como músico, o noso teatro Jofre».