Entrevista | Vicente Araguas Novelista, tradutor e, por riba de calquera outra cousa, poeta, vén de recibir unha das mai0res distincións da cultura galega, o Pedrón de Honra a toda unha vida de compromiso e creación
23 abr 2006 . Actualizado a las 07:00 h.A Araguas, que forma parte, con escritores como Xulio López Valcárcel ou Fernán Vello, da xeración que escribiu, desde Galicia e en galego, boa parte da mellor poesía das literaturas españolas, o Pedrón de Honra chégache cando vén de publicar un libro novo. -A súa poesía completa... -Efectivamente, Maneiras de querer , editado por Espiral Maior, un libro que recolle toda a miña produción poética agora que un, aínda sen estar de volta, xa pasou dabondo máis da metade da vida. E síntome moi contento de que cadrando con esa celebración da miña poesía, chegue un premio tan prestixiodo como é o Pedrón de Honra, que vén recoñecer o traballo dunha vida dedicada á causa da cultura galega. -Un galardón, no que vostede estivo precedido, entre outros, polo catedrático de Oxford John Rutherford e o ferrolán, afincado en Londres, Fernando Pérez-Barreiro. Bos amigos seus, ademais. -Bos amigos, si. E amigos cos que comparto a circunstancia da diáspora, tan común á xente galega en xeral, e en particular aos ferroláns. E por certo, eu quero disfrutar este premio con todos os galegos que anonimamente están axudando a salvar a nosa cultura e a nosa lingua. A xente de a pé, por exemplo das asociacións de todo tipo, que está facendo un labor inmenso polo idioma e por Galicia. Xente que son dignos sucesores de Fontenla Leal e de toda aquela xente. O meu premio é para todos, para todos eles. -Ese labor calado vese tamén moito en Madrid, onde vostede reside, ¿non? -Si, por suposto. E quero facerlle unha especial dedicatoria, neste momento, a Inés Canosa, directora da galería Sargadelos de Madrid, sen quen a cultura galega aquí, nesta cidade, non se podería entender ben. E tampouco quero esquecer a Raimundo Patiño, o pintor e poeta, morto xa hai tantos anos, e que tantísmo fixo por todo isto... Eu quero proxectar hoxe especialmente neles dous, ademais de en todos os galegos anónimos que che dicía antes, e moi de corazón, este honor que se me concede.