Entrevista | Xaime Cancio Rodríguez O delegado de Pesca aposta polo diálogo e pola creación de grandes organizacións sectorais, como a que poderían integrar os percebeiros dende Cedeira ata Ribadeo
28 nov 2005 . Actualizado a las 06:00 h.Aos seus 45 anos, Xaime Cancio Rodríguez embarca por primeira vez no tan complicado como sedutor mundo pesqueiro. Chega con mando, pois dende o 28 de agosto é o titular da Delegación Territorial da Consellería de Pesca, con sede en Celeiro e cun ámbito competencial que abrangue a franxa litoral entre Cedeira e Ribadeo. -Vostede accede pola vía política á delegación de Pesca, un posto que require coñecementos técnicos e no que se está poñendo ao día, nunha tarefa que supoño non resultará doada. -Non teño reparo en recoñecer publicamente que isto da política é unha ciencia tan máxica que é capaz de facer a alguén mariñeiro sen ir ao mar. Pero non foi tan difícil poñerse ao día. É fácil porque estou rodeado polos técnicos da delegación, que me dan a información xa elaborada. Cada día que pasa é unha páxina desta enciclopedia, coa facilidade de que non tes que ler, recíbela lida, tratada, xa específica. Quédame moito por aprender. Sei que o mundo do mar ten dificultades e o aval que presento é o meu traballo e a miña ilusión, non a miña experiencia, claro. -Cando mo propuxeron, tiña as miñas dúbidas e incluso dixen «mire, que eu de pesca practicamente non sei nada». Pero a conselleira dime que o perfil que busca para este posto encaixa co meu. E aplícoo. Son unha persoa de consenso, que me gusta moitísimo dialogar e negociar e, sinceramente, creo que neste sector fai falta traballar nesa liña, cunha mesa permanente de diálogo. Temos que afrontar as situacións antes de chegar as crises, porque non xorden de hoxe para mañá, vanse acumulando día a día e temos que ter os suficientes mecanismos para previr antes que curar. Eu defendo o dereito á folga, como outro tipo de dereitos, pero non me gustan e creo que é posible evitalas se nós, como Administración, nos adiantamos solucionando os problemas que xurdan. -En concreto, ¿pretende ser correa de transmisión, expresión moi manida que describe cal podía ser a súa función, ou aspira a resolver desde aquí, desde Celeiro? -Eu non quero ser o mero instrumento que pon o selo e a firma para que o escrito correspondente vaia a Santiago, que parece ser que era o que se estaba facendo ultimamente nesta delegación. Quero ser o verdadeiro delegado do sector, estar xunto deles e intentar darlles solucións. Moitas veces son cousiñas insignificantes no sentido de darlles solución, pero moi significativas para eles. Eu espero que esta delegación teña máis competencias das que realmente ten. A conselleira está traballando nesa liña. Que agora cheguemos ata Cedeira é un avance moi importante porque nos vai a permitir traballar a toda a zona norte conxuntamente e con consenso. Quero dar solucións aquí, xa e de antemán. -O traslado da sede da consellería de Pesca a Vigo xera polémica. A conselleira prometeu un aumento das competencias e da autonomía das delegacións territoriais. -En política, os compromisos son leis. Coñecendo como coñezo á miña conselleira, estou segurísimo de que vai loitar para cumprir os compromisos, porque é unha persoa de palabra e comprometida co sector. Agora, para que se cambie a Vigo, necesítase un consenso político, hai que modificar no Parlamento a Lei de Sedes, e iso non parece fácil. De todos os xeitos, creo que ao sector, polo que puiden percibir ao falar con eles, non lle preocupa si a consellería está en Santiago ou en Vigo, preocúpalle que parte da consellería vai estar en Celeiro. A gran preocupación é a capacidade de decisión que vai ter a delegación. ¿Qué máis lle dá se case todo o poden arranxar aquí? -¿A ampliación do ámbito competencial da delegación supuxo máis carga de traballo? ¿É suficiente o persoal para a nova situación? -En persoal estamos mal distribuídos. Temos que ter máis no servizo de recursos mariños e, no que se refire á vixilancia, necesitamos máis efectivos porque hai xente que está na relación de postos de traballo, pero en realidade está noutros sitios, desprazada. No resto de servizos non estamos mal. Pero, por exemplo, nas confrarías, hai algunhas con exceso de persoal porque o servizo para o que foron contratados certos traballadores xa non o presta a confraría e, polo tanto, hai que reconducir esa situación. -Xa coñece todos os portos e aos representantes do sector, ¿cal é a súa opinión? -Eu creo que falta un pouco de unión no conxunto do sector. Se conseguiramos que os percebeiros de Cedeira a Ribadeo se puxeran de acordo e autorregularan a oferta diaria, conseguirían manter o prezo, pero agora cada un trae o que trae e ao final nun porto véndese máis caro que en outro, pero baixa a cotización media. Se os mariñeiros se queren xubilar como tales e queren dignificar o seu traballo, saben que dependen da sardiña de hoxe e da dos anos vindeiros. A mín gustaríame que chegaran aquí un día os mariñeiros e me dixeran que a súa preocupación non era a subida do carburante ou subvencionar algún paro biolóxico, senón que queren que o diñeiro que se vai empregar nesas axudas se destine a potenciar os recursos do mar, porque ese día comprenderán que o seu futuro depende dos recursos que hai no mar. -¿Cree que sería positivo crear unha organización que agrupase a todos os produtores pesqueiros da zona? -Eu son dos que opino que, por exemplo, sería bo que nunha mesma mesa se sentaran todos os percebeiros de Cedeira a Ribadeo, todas as mariscadoras, todo o cerco, todo o arrastre... Aposto por crear grandes organizacións sectoriais na zona. PERFIL