Entrevista | José Santalla Couto Este cedeirés de 61 anos xubílase, deixa o colegio da Barqueira despois de anos e anos como director e mestre; hoxe, o municipio réndelle unha homenaxe e unha despedida pública
21 oct 2005 . Actualizado a las 07:00 h.Alguén chamado José Santalla Couto vaise emocionar hoxe en Cerdido, na área recreativa do Castro, onde o Concello, a asociación de pais de alumnos da Barqueira e boa parte das asociacións do municipio vanlle render unha homenaxe, un acto público de agradecemento a este cedeirés que exerceu como mestre e director do colexio durante os últimos 35 anos. Onte, Pepe amosaba xa un chisco de emoción ao recordar que se xubila. -¿Vaise á forza ou por gusto? -Teño 61 anos e quero xubilarme. -¿E iso? -Bueno, por varias cousas. En parte porque xa non teño a ilusión que tiña antes e porque penso que aos 60 anos é tempo de deixar sitio á xente nova. -¿Queimado pola profesión? -Non quería decilo así, pero sí. -Dar clases xa non é o que era ¿non? -Pois non. Agora non se fomenta moito o hábito do traballo e iso repercute no alumnado, que non rende como esperabas. -Mestre, ¿por vocación ou por obligación? -A verdade é que elexín Maxisterio para estudar despois outra carreira, pero empecei a exercer como profesor de educación física na antiga escola de formación profesional de aquí, de Cedeira, e gustoume. Despois fixen a mili no Tercio Norte e puxéronme a dar clases aos soldados analfabetos. E simplemente engancheime. -¿Que lle resultou tan atractivo? -Vin que podía axudar á xente, facer cousas boas. -¿Por exemplo? -Non sei. Como escribir cartas de amor dos soldados que non sabían facelo ou ler as das súas mozas porque tampouco podían. -Bonito. E chegou a Cerdido. -No 71 nomeáronme propietario definitivo dunha praza na escola unitaria de Cerdido, que estaba precisamente no Castro. E no 73 inaugurouse o colexio. -Desde aquela ¿recorda todos os seus alumnos? -A memoria empeza a fallar, pero si lles vexo a cara si que recoñezo aos oitocentos rapaces. Polos nomes ao mellor non. -¿Algúns especiais? -Os que máis recordo son os que xa desapareceron. -¿Acórdase do seu último día no colexio? -Claro, foi o 31 de xuño. Daquela non me din moita conta, pero agora aínda vou por alí e teño nostalxia. ¡Son tantos recordos e tantas horas de traballo! -¿Os nenos de agora son peores que os de antes? -Non. Pero, pouco a pouco fóronse perdendo valores como o do traballo, e do respecto, non só aos profesores, senón tamén entre os rapaces. Creo que se lles pon todo moi fácil, demasiado. Hai un divorcio entre o fogar e o colexio, cando deberían ter pautas comúns para a educación. -E hoxe, unha homenaxe. -¡Estou tan agradecido a todo o mundo! Pero penso que non foi para tanto.