Un destino con barcos de ferro

FERROL

DENDE ESCANDOI | O |

21 sep 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

DO QUE dicía onte á noite Isidro Silveira, tras ser elixido presidente do clúster galego do sector naval, hai sobre todo dúas afirmacións -entendo eu, como diría Basilio Losada, modestamente- que non poden deixar de ser comentadas, e que merecen unha certa reflexión. A primeira é que nada se constrúe sen diálogo. A segunda, que un sector coma o naval non pode renunciar ao protagonismo que tradicionalmente tivo en cidades como Vigo e, por suposto, Ferrol. Digo isto, porque estou convencido de que nin sequera aos que -como é o meu caso- ignoramos os secretos que se esconden na caprichosa alma da Economía, se nos escapa a importancia que os estaleiros terán á hora de labrar un verdadeiro futuro para Ferrol. Penso, si, que Silveira ten razón. E claro que creo, como non vou crer, que o porto exterior e a súa área loxística son a gran esperanza xa non só de Ferrolterra, senón dunha Galicia do Norte -a que vai dende as desembocaduras do Eume e do Xuvia ata a do Eo- que segue a perder poboación porque perde postos de traballo. Estou convencido de que ese porto permitirá que estas comarcas nosas vexan amencer a esperanza que xa ilumina terras irmás como a Bretaña de Francia, Irlanda, a Illa de Man ou Cornualles. Pero, ao mesmo tempo, tamén creo que un pobo que sabe facer barcos, que é capaz de construír os inmensos navíos que aquí viron por primeira vez o mar, non pode renunciar á súa historia. Porque a historia tamén é un destino. Aínda que haxa quen pensa que non.