Palabras do vento, unha emoción

FERROL

DENDE ESCANDOI | O |

04 may 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

AGORA, CANDO van comezar as celebracións das Letras -este ano dedicadas, tan merecidamente, a Lorenzo Varela, a ese grande poeta que moito se acordaba daquel Roi Xordo que quería facer tambores con pel de tirano, e que tan amigo era, por certo (Varela, digo, non o fidalgo de guerra, e perdón polo inciso), de Ramón Piñeiro e de Fole-, permítanme vostedes que teña eu hoxe unha moi humilde lembranza, a miña particular e sentida homenaxe, para todos aqueles aos que nunca se lles dedicará unha festa coma esa, para os que fixeron máis grande o mundo con palabras que non chegaron a estar xamais nun papel. En verdade creo que é moi inxusto esquecer aos que, de porta en porta, a cambio dun pedazo de pan, contaban cómo santos de imposible nome resucitaban mortos e cambiaban montes de sitio: aos que desvelaban de quén gardaban as fadas os seus tesouros e ónde se ocultaba pola noite o sol. (Para todos eles, Deus os teña na Gloria, que sementaron depalabras o vento, que falaban baixo as estrelas, ao abrigo dun alpendre ou habendo sorte ao pé do lume, narradores de infinito talento que non sabían ler nin escribir, vaia a miña gratitude, a miña maior devoción)