Coma ir dar unha volta a Nova York

FERROL

DENDE ESCANDOI | O |

27 oct 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

HAI UN par de días, horas antes de que el marchase de Ferrol, nun deses cafés do barrio da Magdalena do que un candidato ao Nobel -dos que merecen o premio, por certo- dixo que eran os máis fermosos do mundo, mantiven unha longa conversa con Ramón Pernas, o autor desas novelas nas que, por algunha estraña maxia, a vida desvela os seus segredos conforme se converte nunha praia deserta vista no inverno, naturalmente non moi lonxe da desembocadura do Landro, a través dun cristal. Pernas -voulle chamar tamén aquí Moncho Pernas, se vostedes mo permiten, hai xa moitos anos que nos coñecemos- é un soñador, claro. Pero ademais diso, e dende a perspectiva que lle aporta o seu labor como executivo dunha das empresas españolas que con máis frecuencia se citan como exemplo de boa xestión, tamén é un dos mellores coñecedores da realidade económica do país. E quérelle moito a Ferrol, como lle queren tamén, con esa paixón que a veces espertan na distancia as illas todas -xa se encontren varadas en terra ou encravadas no medio do mar-, dende o profesor Basilio Losada, que tan ben conta iso do día no que viu a Deus entrar na casa duns seus parentes en figura de vello mendiño, ata César Antonio Molina, un dos grandes prosistas da lingua castelá. Pois Moncho, que un día está en París, outro en Bolonia e ao seguinte en Montreal, dicíame, mentres a luz que entraba no café, ao xogar coas sombras, debuxaba paxaros nas mesas -con palabras máis acertadas que as miñas, isto é unha maneira de resumir-, que para que as cidades teñan futuro hai que apostar polo talento e abrirlle as portas á inversión. (A el, dende Madrid -non hai coma os exemplos-, lévalle as mesmas horas vir á súa casa de Galicia... que ir a Nova York).