Un paraugas colorado

FERROL

DENDE ESCANDOI | O |

22 sep 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

O CENTRO Portugués da Fotografía vén de abrir unha exposición de Vari Caramés (Ferrol, 1953). Leva por título Informacións , e anúnciase coa imaxe dun paraugas colorado que voa, da man do vento -elegantemente desenfocado-, como se supón que voarían algún día, chegado o caso, aqueles paraugas cos que Merlín facía a luz, o prodixio de espantar a escuridade. Vari, que naceu na Porta de Neira, é un dos mellores fotógrafos do mundo, cousa que xa se sabe pero que quero recordar aquí non porque eu o pense tamén -ao fin, o que eu pense carece de importancia-, senón porque así se di e se escribe dende lugares nos que tanto se lle quere á fotografía coma o París de Francia. (Nunca o diría, ademais, se non fose verdade... Non é favor ningún ese eloxio gratuíto que de costume incha o peito de quen non o merece, aínda que haxa quen pense o contrario.) A maior das virtudes de Vari, por certo, é conseguir que a todo canto o rodea se lle vexa a alma, milagre que ten máis relación coa lucidez, ben se comprende, que coa luminosidade, e que é maior virtude aínda que sorrir ante a adversidade. Creo que el, non sei se chamalo ao móbil, debería volver retratar agora esta Ferrolterra nosa, a ver se aínda que sexa a través dun cristal nos enteramos de por qué hai tanto gobernante empeñado en finxir que non temos sitio nin nos mapas. E miren, quizais habería que escribir un día un libro no que esta Galicia do Norte, esta Terceira Bretaña á que os que tanto mandan soñan sen barcos, se volvese invisible de maneira irremediable. A ver, di un meu veciño, «se iso lles chegaba». (Sería un libro triste, co pobre Merlín chorando. Moi triste, si, malia que levase unha foto de Vari, unha luz de esperanza: talvez un paraugas colorado.)