A esperanza de Ramón Piñeiro

FERROL

DENDE ESCANDOI | O |

22 abr 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

VOULLES CONTAR, se mo permiten, unha cousa que me pasou o domingo, cerca da miña casa. Foi no Círculo de Perlío, que é un edificio moi fermoso -vostedes hano coñecer, sen dúbida- e ten á súa beira un parque pequeno no que os nenos, cando non chove, van xogar a botar carreiras e a columpiarse nos bambáns. Uns señores da xunta directiva, tan amables, ensináronme a biblioteca, que eu non coñecía, e nela había un deses libros de firmas nos que as sinaturas, manuscritos tesouros de tinta, quedan gardadas, para sempre, como unha memoria de papel. Ao abrilo, e segundo ía pasando as follas, fun atopando o que alí deixaran escrito Eduardo Blanco-Amor, Carlos Casares... E don Ramón Piñeiro. (Un emociónase, claro, e perdón pola confidencia. ¿Como non se vai emocionar?) Cóntollelo hoxe, porque é o Día do Libro. E ademais, porque nun día coma este eu penso que hai que lembrarse de cantos fan posible, co seu talento, que as palabras sexan un camiño de soños; pero tamén dos que traballan en silencio para que esas palabras non sexan un triste arar na auga, para que poidan de verdade existir. E eu querería que estas outras palabras miñas, bastante máis modestas, fosen un acto de sincera gratitude -non teño nada mellor que darlles- para cantos fixeron e fan que existan sociedades (esas que algúns chaman, non sei por qué, casinos de barrio ) coma as de Perlío, Fene, Sillobre e Cervás, coma as de Esmelle e San Xoán de Piñeiro, coma as das Pontes e as da Terra de Cedeira, coma as de todo o Eume, Ferrolterra e Ortegal. Gracias a elas, e aos que nelas traballan sen esperar nada a cambio, aínda fala, dende a noite que nos agarda a todos, don Ramón Piñeiro. Fala, con palabras escritas a bolígrafo, de esperanza. E de ilusión.