?ando a Basilio Losada lle lembran o de que é o mellor contador de historias que deu xamais Galicia, responde que iso é mentira, que só é un conto máis dos de Carlos Casares. Pero non hai quen non o escoite encantado. E por certo que en Birmingham acordáronselle e moito tanto Ferrol como Mondoñedo, a Cidade das Luces e a Cidade da Mitra, agora a piques de irmanarse. A Ferrol, á cidade de Torrente Ballester, viña Basilio, sobre todo, co seu grande amigo Casares. E Mondoñedo -innecesario é lembralo- foi o berce de Cunqueiro e da súa literatura. Basilio (alí estaba tamén, da súa universidade, a súa apreciadísma discípula Helena González, unha das mellores coñecedoras da literatura feminina galega) esconde moitas nostalxias sorrindo. ¡Pero cando se pon serio conmóvese tanto...! «E que Galicia, para min, xa é unha emoción máis que nada», dicía el, que é de Láncara. Cando lle dixeron que a profesora Oliva Díaz Lastra, da que el salientou a súa intelixencia e o seu talento, naceu en Ribadeo, case o celebrou cun aplauso.