«Toda a comarca debe participar no futuro Palacio da Cultura»

Amparo Ginés FERROL

FERROL

Entrevista | Luciano Fernández Luciano Fernández defende unha planificación conxunta da oferta teatral, porque dí que non ten sentido que en tres días se represente a mesma obra en Ferrol e en Narón

24 mar 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

O teatro en Narón é como o fútbol en Madrid. Non é un eslogan autóctono, senón a definición que os actores de Animalario empregan logo de ver como se viviu a representación de Alejandro y Ana . O popular Manquiña escoitou a frase da boca de Guillermo Toledo, e comunicoulla a Luciano Fernández. O director técnico do Padroado suscribe a idea: «Aquí todos saben que o sábado pola tarde toca función». O proxecto de Palacio da Cultura abre novas perspectivas. ­-¿Está a idea sobredimensionada? -Eu persoalmente quero que se faga todo o posible, e ésa é tamén a premisa do arquitecto, pero aberta a modificacións. A cuestión é: ¿Para que un escenario tan grande? O custo de mantemento é unha barbaridade, máxime cando está previsto un foxo para orquestras. Tal como está deseñado, de 30 por 25 metros, precisaría 8 persoas para movelo. Hai que pensar no orzamento que move o Padroado e o tipo de espectáculo que podemos organizar. Sería suficiente cun de 22 por 16 metros. -¿Haberá dificultades económicas para encher ese espacio de contido? -Non o creo. O Padroado gastará este ano 240.000 euros en actividades. Estamos na Rede Nacional de Teatro, o que abarata os espectáculos de grande formato. E se aumentamos a capacidade de público, tamén crece a recadación. -Sería o maior centro da comarca. ¿Requeriría ideas de tódolos concellos? -Pero non porque haxa un espacio novo, senón por sentido común. Non ten lóxica que en tres días se represente a mesma obra en Ferrol e en Narón. Debe haber unha planificación conxunta. Os tempos de sincronía na Mancomunidade foron fabulosos. Toda a comarca debe participar no futuro Palacio da Cultura, e Ferrol e Narón terían que liderar esa coordinación. -¿É Cultura a nena bonita do Concello de Narón? -Para nada. Hai dezaoito anos, o Padroado non tiña orzamentos nin subvencións. Hoxe movemos uns seiscentos mil euros ó ano, dos cales un 42% é xerado polas propias actividades, e por xestión coa Deputación, a Xunta e os bancos. O Concello non dá tódolos cartos. Por suposto que Narón ten outras necesidades, pero a cultura non pode funcionar do que sobra de poñer farolas. Pola contra, facer cultura é tamén poñelas, na cabeza e na identidade da xente. -¿Ese peso cultural supón un pulo na conformación de Narón como cidade? -Si. Un dos sinais da identidade naronesa é o eido do social, fundamentalmente o cultural e o deportivo. Antes das eleccións municipais, as enquisas reflectían que a cultura é o máis coñecido e valorado aquí. Iso é sintomático, amosa que traballamos coa xente e para a xente. -Algo haberá que mellorar. -Claro. Con respecto á nova infraestructura, non teño claro como se vai conseguir o material técnico, que ronda 1,8 millóns de euros. Por outra banda, o auditorio funciona coa vontade da xente. Non hai conserxe, e a administrativa traballa cincuenta horas semanais. É un problema que nos tapona á hora de facer cousas. -¿Será cuestión de profesionalizar? -Si, pero sobre todo de incrementar persoal. O Padroado necesita como mínimo un técnico máis, un ou dous administrativos e demáis operarios.