DENDE ESCANDOI | O |
13 mar 2004 . Actualizado a las 06:00 h.ENTRE AS ARTES máis cultivadas da historia do país -e das que a miúdo resultaron, todo hai que dicilo, menos produtivas- está a de desenterrar tesouros, que se ben é verdade que poucas veces acabou facendo ricos aos que pasaron o tempo nela, tamén é certo que serviu, ao longo dos invernos, para combatir o aburrimiento, que ao fin e ao cabo é outra enfermidade máis. Pero non me malinterpreten: tampouco quero dicir, con isto, que os tesouros non existan. Abonda con consultar o discurso de ingreso na Real Academia Galega que Don Cunqueiro leu -hai tantos anos...- no seminario de Mondoñedo. Ou acudir á propia experiencia: eu mesmo tiven na casa onde nacín, en Sillobre, ao pé do lume -non sei ónde irá-, un trasno de ferro, con cara de moito xenio, que disque atoparan uns veciños furando nun castro. Poñía Morbihan por dentro, e tiña gravados uns números de serie, pero estaba bastante ben. Mais por fin se produce un milagre: Ferrol vai desenterrar un tesouro dun quilómetro de longo, o foxo do Arsenal. Unha canle que asombrou a toda Europa no século das Luces, e que á vez serviu de abrigo ás lanchas que fuxían das tormentas. Un camiño de agua polo que todos os días viña andando a marea dende o mar. É coma un soño enteiro, cheo de colores. Eu intento imaxinar cómo, cada tarde, brillará nel o sol.