As palabras de López Ramón

FERROL

DENDE ESCANDOI | O |

10 dic 2003 . Actualizado a las 06:00 h.

HAI XENTE que é coma libros sen última páxina, coma unha historia sen final: a que coa súas palabras lle devolve a vida ao que parecía ter marchado para sempre. (Son, xa saben, as persoas que conseguen o maior dos prodixios posibles, as que fan a maxia de agrandar o mundo para os demais.) Desa xente, que sempre é un regalo, a min gústame moito escoitar, por exemplo, a don José María López Ramón. Hai cousas que el non conta, claro, e fai ben -os cabaleiros, igual que a música, medran nos silencios-, pero outras, as que de verdade importan, si que as di. E así un pódese ir enterando de cómo eran, realmente, aquel Vicente Risco ao que José María lle impuxo a Cruz de Alfonso X o Sabio, o Otero Pedrayo co que el facía tertulia no Pazo de Trasalba, ou o Cunqueiro que soñaba aqueles cervos que cruzaban, baixo a neve, un Mondoñedo que só soubo ver el. López Ramón di que eran aínda máis xenerosos do que ninguén imaxina. Profundamente crentes. E que, coma despois pasou con Casares, e antes con Murguía, alá onde eles estaban, estaba Galicia, tamén.