Británica equivocada

CRAIG PATTERSON

FERROL

CRÓNICAS INGLESAS | O |

05 nov 2003 . Actualizado a las 06:00 h.

ENVIEI unha carta á prestixiosa Enciclopedia Británica. Pretendía realizar unha pequena corrección verbo do seu tratamento de «Galicia» ou do «Galician dialect», explicando ós redactores que a súa referencia ó «goberno fortemente centralizado» de Franco carece da necesaria veracidade historiográfica (foi dictadura, ¿lembran?). Que deben falar dunha Xunta, e non «Junta». Que as provincias se coñecen polas formas galegas A Coruña e Ourense (únicas correctas), consonte a reforma legal do Estado español de 1998. Que se ben é certo que o uso literario do galego tivo o seu cumio lírico na Idade Media, é pouco rigoroso non ter en conta o Rexurdimiento e a época Nós. Que non é acertado afimar que «o principal erudito galego do século XX foi Ramón Menéndez Pidal», esquecendo, entre outros moitos, a Otero Pedrayo (quen, por casualidade, escribiu case sempre en galego sobre a cultura galega no sentido máis universal). Que soster que o galego é «un dialecto do portugués que se fala no noroeste de España» representa un prexuizoso erro de moita envergadura. Infórmoos tamén da existencia do Estatuto de Autonomía e da Lei de Normalización Lingüística. E, para colmo, que xa non se di «El Ferrol del Caudillo», senón Ferrol. Ferrol xa é dos que sempre debeu ser: dos ferroláns, de Galicia. De todos. Mesmo dos británicos.