CRÓNICAS INGLESAS | O |
08 sep 2003 . Actualizado a las 07:00 h.CANDO CRUZABA en lancha ata Ferrol sempre chegaba á miña mente unha canción. Tratábase de Ferry Cross The Mersey , a canción máis coñecida de Gerry and the Pacemakers, compañeiros dos Beatles e tamén nados en Liverpool. A Mersey é unha especie de ría que entra en Liverpool dende o mar irlandés. A letra é un himno cívico que homenaxea a identidade local: «Ferry, cruza a Mersey / e lévame sempre ó fogar / o lugar que quero». Iso faime pensar na importancia de que se restableza o servicio da lancha de Mugardos, esa lancha que achegaba dende a súa proa unha visión íntima da ría ferrolá. A tradición enriquece cando non escraviza, pero o capital comprométese poucas veces co patrimonio cultural dos pobos. Antes ca nada, a lancha ten que ser práctica, rendible. Evidentemente, para o sector hosteleiro é fundamental, xa que en lancha chegan os visitantes que contribúen a soste-la economía mugardesa, ampliando asemade a vitalidade turística da comarca. É fundamental dispor dun transporte público do que se poida fia-la xente. Un bono Para substituír axeitadamente o servicio que viaxa desde Mugardos ata Ferrol, terá que coordinarse, co uso dun bono, un bus circular coas chegadas da lancha ó peirao. Nada imposible. Algo desexable. Déixense de xogos políticos cativos: a ría sen a lancha parécese á Mersey sen o seu inseparable ferry.