Xerardo

La Voz

FERROL

O verme da memoria | Por Siro

20 jun 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

Coñecín a Xerardo - así o chamabamos todos os que o tratamos en Galicia- no ano 72, no primeiro verán que pasei en Valdoviño, nun dos pisos de Andrés «o gitano». Andrés non era xitano, Xerardo si; xitano irlandés por parte de nai. Naceu e viviu en Londres, pero pasaba as vacacións de verán en Irlanda, coa avoa materna, unha muller rexa que fumaba en pipa e mercaba e vendía cabalos nas feiras de gando. A casa, isolada no campo, era unha palloza con teito de palla, sen divisións no interior. A cociña de leña nun recanto, a un lado unha mesa grande con tallos arredor, e ó outro unha cama enorme na que durmían xuntos mentres os cochos andaban arredor. Xerardo estudiou linguas modernas na Universidade de Cambridge, pero o sangue xitano levouno, recén licenciado, a Brasil e outros países da América Latina, onde pasou varios anos. Á volta o barco fixo escala en Vigo e Xerardo alugou unha bicicleta para percorrer a costa. Sorprendeuno a beleza da paisaxe e descubrir que aquí falabamos un idioma semellante ó brasileiro. Chegou a Valdoviño e quedou engaiolado pola Frouxeira. Era o ano 1950. Xerardo foi vivir a Londres, pero a morriña levábao ós restaurantes onde traballaban os nosos emigrados, e cada verán volveu cunha tenda de campaña diminuta, que montaba perto do campo de xudías do «gitano». Ficou solteiro porque non quixo enguedellar a ningunha muller no seu vivir libérrimo. Tampouco comeu nunca carne, nin peixe, porque non quería que morrese ningún animal para que el vivise. Nos invernos londinenses, cando máis sufría de saudades, empezou a escribir poemas en galego. A revista Grial publicou no ano 73 unha pequena escolma. Tamén escribiu unha obriña de teatro de ambiente galego, que foi premiada pola BBC de Londres. Unha noite, hai quince anos, Xerardo chegou arrastrándose ata a casa dunha filla do «gitano». Nin falar podía coa dor. Era unha apendicite que o doutor Falero atendeu con urxencia. Daquela Xerardo confesoume que pensara morrer na tenda de campaña e que o bruar das ondas que sempre o arrolaran, parecéralle entón a voz terrible do alén. Xerardo volveu hai un par de semanas a Galicia e morreu atropelado por un coche na Coruña. O domingo fun a Valdoviño e ante as horteradas dos últimos anos, recordei o comezo dun poema que el escribira cando comezaban as agresións á natureza: Ouh Frouxeira, tan verde e tan vulnerable! Sen Andrés «o sen Touceda, sen Xerardo..., con tanto cemento e tanto asfalto, gitano», sen Concha, sen Carlos «viajante», Valdoviño xa non é o que era.