DENDE ESCANDOI | O |
19 jun 2003 . Actualizado a las 07:00 h.O HISTORIADOR Enrique Cal Pardo, bo coñecedor das cousas de Ferrol -sobre todo das relativas á Casa do Monte, a que tiña nalgunha das súas pedras de armas aquel moi famoso can- vén de publicar un libro que non debería pasar desapercibido para ninguén que de verdade lle queira a esta Terceira Bretaña que é a Diócese de Mondoñedo-Ferrol. Trátase, claro, do Episcopoloxio , do monumental traballo no que el viña traballando dende hai tantos anos: dun tesouro que Cal Pardo fixo posible compaxinando a súa paixón polos documentos coas súas obrigas como deán da catedral. Hai que dicir, tamén, que ese libro, que se le igual que unha novela, no que están dende San Rosendo e os herdeiros das mitras que viñeron polo mar -e tamén a xente que chegou do Dumio portugués- ata os bispos comendatarios do Renacemento e os prelados ilustrados do Século Dezaoito, ve hoxe a luz, en boa parte, gracias ó impulso dese corazón entregado ós demais que é ó doutor Segundo Pérez López, o rector do Seminario Maior, alma de tantas cousas máis... Pero o que hai que dicir, sobre todo, é que, o libro, hai que lelo. Fáganme caso. É o traballo dunha vida, é unha vida enteira. Non se arrepentirán.