«O BNG fíxolle o traballo sucio ó PSOE, e ó final saíu perdendo»

Pablo Carballo
P. Carballo FERROL

FERROL

PATRICIA REY

As sorpresas electorais pasaron de largo por Ares: o PP viviu un plácido 25-M que permite a Cendán reter a única maioría absoluta na ría de Ferrol

28 may 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

Poucos alcaldes viviron o 25-M de forma tan plácida como José Manuel Cendán. Na corporación de Ares, a diferencia de moitas outras da comarca, as eleccións resúmense en que todo segue igual: o PP retén a única maioría da ría ferrolana. -¿Como diagnostica os resultados? -Bueno, nós levamos unha campaña bastante tranquila. Estaba convencido de que iamos gañar outra vez. Polo demais, tivemos unha oposición completamente radicalizada, que liderou o BNG. -¿En que senso estaba radicalizada? -Chegaron a pedir a revocación de decisións xa aprobadas... Pero a súa actitude se lle pagou nas furnas. Demostrouse que a xente non quere este tipo de cousas na política municipal. -¿Asume a victoria como o refrendo á súa xestión? -Si... Nós apostamos pola transformación dun concello mariñeiro nun concello turístico. E esa tranformación xa está encauzada. -¿Qué queda por facer nese obxectivo? -Hai dúas prioridades: o saneamento da ría e o enganche á autopista, despois dun proxecto importante como foi o porto deportivo. A limpeza das praias é unha das nosas preocupacións. En canto á autopista, imos estar a cinco minutos de Ferrol, gratis, e a quince de A Coruña. -¿Vai ben encamiñada a sona de Ares como destino turístico? -Antes, Ares non era conocido; agora si o é. É unha referencia na comarca. -Póñase agora como espectador político de Ferrolterra: ¿a que atribúe a crecente fragmentación do voto? -Bueno, non podo opinar sobre os motivos. Pero si podo decir que o BNG fixo unha campaña basada no radicalismo polo Prestige e a guerra. Fíxolle o traballo sucio ó PSOE, e ó final saíu perdendo. Perderon as alcaldías de Cedeira, Ferrol e Fene. O BNG foi o gran perdedor destas eleccións. -As súas relacións coa oposición non ían moi bien últimamente. ¿Haberá borrón e conta nova? -Intenteino varias veces, pero este personaxe é insalvable... -¿Refírese a Manuel Rodríguez Doval, portavoz do Bloque? -(Asinte) El tensou moito a corda, e eu eso téñoo que ter en conta. Eu abro a porta a todo o mundo, pero... -Vostede foi acusado de manipular o censo en beneficio da súa candidatura. -A calquera que veña a Ares e vexa o casco urbano, parécelle unha vila de sete ou oito mil habitantes. Nós o que fixemos foi animar á xente a que se cense aquí. Hai moita xente que ten en Ares unha segunda residencia, e son votantes do PP. Esto a eles perxudicáballes. Nós temos que dar servicios. Si asfaltamos un camiño e poñemos alumeado, é lóxico pedir que se censen. Se non, ¿de donde sacamos os ingresos? Pero a proba é que pasaron as eleccións e segue vindo a xente a censarse. Ares está crecendo en tódolos aspectos. -Á marxe dos temas enfocados cara ó turismo, ¿que outros retos prantexa para este mandato? -Imos poñernos xa co plan xeral para adaptalo á nova lei, e modificalo para mellorar o urbanismo. Tamén queremos mellorar outros servicios, como o centro de salud ou o cemiterio. En definitiva, seguir traballando para que Ares creza e se modernice.