«A cultura é calidade de vida»

La Voz R. L. | FERROL

FERROL

CARMEN VALIÑO

O profesor Irazu defende a necesidade de apostar pola defensa do patrimonio cunha xestión eficaz e co convencemento de que turismo cultural é un camiño de futuro

20 feb 2003 . Actualizado a las 06:00 h.

Arquitecto permanementemente comprometido coa defensa do patrimonio monumental, o profesor Irazu cre que lamentar a escasez de recursos non conduce demasiado lonxe: o que importa, di el, é buscar solucións imaxinativas, implicando a todo tipo de sectores económicos, e asumir o convencemento de que Ferrol terá que ser o eixo sobre o que se asente o desenvolvemento cultural de todo o norte galego. -Moi optimista o vexo. Porque os recursos, polo que parece, non sobran... -Non é cuestión de que sobren ou de que falten. É cuestión de buscar alternativas. Pensar que sempre imos vivir da subvención non ten sentido. A economía non funciona así. O que importa es facerlle ver ós empresarios que contribuír á defensa do patrimonio xenera recursos para toda unha comunidade. Hai que invertir as tendencias. Porque tal e como como imos, hai patrimonio que acabará estando nunha situación moi complicada. Temos a obriga de deter o deterioro. -¿Vostede, que propón? -Que pensemos no futuro. Nun futuro no que terá moito que dicir o turismo cultural. E Ferrol pode ser a capital dese turismo en todo o norte de Galicia. -¿Competir con cidades como Compostela? -¿Quen fala de competir? Eu falo doutra cousa, de sumar opcións, non de restalas. Quen vén a Compostela, ó millar tamén pode vir a Ferrol, que está a unha hora de coche de Santiago. Sobre todo se non só lle ofrecemos Ferrol, senón unha ruta moito máis ampla, como a que se deriva da posibilidade de irmanar a nosa cidade con Mondoñedo, que ten un casco monumental de características completamente distintas ás do barrio da Magdalena e ás do Arsenal Militar. Temos que mirar máis alá do que o facemos. E ver que a cultura tamén é calidade de vida. -¿Que pasa co patrimonio monumental cando se restaura e non atopa despois unha función concreta? -Que antes ou despois volve estar en ruínas. Por iso hai que saber buscarlle novos usos, adaptados ós tempos nos que estamos. É cuestión de abrir un diálogo entre todos, de falar. E de buscar sinerxias: coa iniciativa privada, con outras cidades... Non creo que sexa tan difícil. Todo é cuestión de ser ambiciosos. E de facer uso da imaxinación.