María José Paz Rodríguez dirixe unha escola pouco convencional. Algúns dos seus alumnos peinan canas. E nas súas clases non se fala de Reis Godos nin de táboas de multiplicar, senón do papel que xogan os pais na educación dos fillos. María José é a pedagoga do Concello de Fene e coordina a Escola de Nais e Pais do municipio. «Nisto da educación non hai recetas máxicas», advirte. -A escola leva funcionando máis de dez anos. ¿cambiaron en algo as inquietudes dos pais neste tempo? -As preocupacións seguen sendo as mesas. Si cambian, en cambio, en función da idade dos fillos. Os pais dos máis pequenos interésanse, sobre todo, por problemas de agresividade e desobediencia, mentras que os dos adolescentes están máis preocupadas polas saídas dos fillos, o fenómeno do botellón, as drogas, o alcohol ou as conductas sexuais. -A que vostede dirixe non é unha escola ó uso. ¿Como funcionan as clases? -Primero analizamos un material teórico e, a partir de aí, facemos dinámica de grupo. O que se trata é de reflexionar sobre o papel dos pais na educación e axudalos a enfrentarse ós seus fillos. Educar non significa dicir si a todo o que lles piden. Os pais teñen que facerse fortes e sentirse seguros á hora de educar os nenos.