Juan Carlos Castro Pombo: «Gallardón é o peor ministro de Xustiza, e mira que o anterior era malo...»

Cristina Abelleira CARBALLO / LA VOZ

ESPAÑA

22 nov 2012 . Actualizado a las 21:48 h.

Juan Carlos Castro Pombo é avogado e concelleiro do PP en Carballo dende 1995. Como membro da corporación municipal, en xuño asinou unha moción en contra da supresión dos partidos xudiciais. Como letrado, ademais de participar nas protestas diante dos xulgados, nos últimos días mostrouse moi combativo nas redes sociais contra a Lei de Taxas Xudiciais, e mesmo dirixiuse á Defensora del Pueblo para pedirlle que presentase un recurso de inconstitucionalidade.

-A súa oposición á Lei de Taxas Xudiciais non deixa lugar a dúbidas. ¿Por que?

-É unha barbaridade. Calquera elefante entraría nunha cacharrería con máis sixilo que Gallardón no Ministerio de Xustiza. Conseguiu poñer en contra a todos os operadores sen excepción: secretarios, fiscais, xuíces, avogados, procuradores e funcionarios. Pode ser entendible que se estableza algunha taxa, pero non 800 euros por unha apelación, porque iso supón dicirlle á xente que non ten dereito a que o seu caso o revise un tribunal superior. Na práctica, iso supón converter en prohibitivo o acceso á xustiza.

-¿Por iso recorreu á Defensora del Pueblo?

-Eu mandeille un correo electrónico ao portavoz do PP no Parlamento, outro a Soraya Sáenz de Santamaría e un terceiro, máis técnico, á Defensora del Pueblo, dicíndolle por que consideraba que as taxas son inconstitucionais e pedíndolle que presentase un recurso de inconstitucionalidade, porque un avogado non pode interpoñelo. E onte [polo pasado martes] chegoume a carta da Defensora do Pueblo dicindo que o recibiran e que se tramitaría, nada máis.