«O PSC entendeu que o Goberno tripartito era seu»

Consuelo Chávez Esther Taboada BARCELONA

ESPAÑA

Eleccións catalanas | Entrevista a Carod-Rovira ERC tratou de manterse equidistante durante toda a campaña dos seus dous posibles socios, confesando coincidencias e diferenzas, tanto con CIU coma cos socialistas

27 oct 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

O presidente de ERC, Josep Lluís Carod-Rovira, volveu optar polo galego para dirixirse ós lectores de La Voz. -En ERC ¿que pesa máis: ser de esquerdas ou ser independentista? -Para Esquerra, a independencia é o horizonte político. Somos independentistas porque estamos convencidos de que é a única maneira de garantir o grao de benestar social, recoñecemento político e progreso económico necesario no noso país. O Estado español máis que facernos de Estado, xóganos en contra. Cataluña foi o motor industrial do século XX e, en cambio, perdeu forza nos últimos dez anos. Somos de esquerdas porque queremos unha Cataluña máis xusta, solidaria, equitativa e cos mesmos dereitos que outros territorios do Estado español. ­-Na presente campaña electoral afirmou que «o Estado, canto menos mellor¿ aínda que sexa catalán». ¿Non é contraditorio que un partido de esquerdas defenda esta postura tan liberal? ­­-ERC é un partido de esquerda democrática que non provén da tradición marxista, senón liberal. Nesta campaña, o empresariado catalán puido constatar, con propostas concretas, o noso liberalismo nas relacións da Administración pública coa iniciativa privada e o noso comportamento socialdemócrata no referente ós servizos públicos e as políticas sociais. -Na súa intervención no pasado debate de TV3 co resto dos candidatos afirmou que todos os partidos de Cataluña deberían de presentarse nun só grupo parlamentario no Congreso dos Deputados. Se non se conseguiu unha unidade para un proxecto como o Estatuto, ¿que debería de cambiar no panorama político catalán? -O Estatuto é a proba evidente de que a falta de unidade política dos partidos cataláns en Madrid foi definitiva para atentar contra os intereses de Cataluña. En tódolos países hai aspectos fundamentais que non son nin de dereitas nin de esquerdas, son de interese xeral. Que o aeroporto de Cataluña funcione, que teñamos unha rede de cercanías ben comunicada e efectiva, que as infraestruturas do país cohesionen o territorio, son decisións de sentido nacional. Por iso pensamos que en Madrid é necesario un intergrupo forte que cohesione as forzas políticas catalanas e permita encarar os principais retos do país cunha posición unitaria e con sentido de Estado, deixando aparte cuestións máis partidistas. -¿Cales foron os factores determinantes, ó seu entender, no fracaso do tripartito? ­-Un dos factores que conseguiu desestabilizar ó tripartito foi a falta de cultura de coalición por parte do PSC, que entendeu que o Goberno tripartito era seu, aínda que estivese formado por tres partidos. Pero paréceme inoportuno falar de fracaso cando con estes tres anos avanzouse máis en políticas sociais que nos últimos 23 anos de CiU. Ademais, o Goberno estivo sometido, desde a súa lexítima constitución, a un ataque sistemático da oposición e a unha presión externa, sobre todo por parte das forzas políticas españolas e certos poderes fácticos, inaguantable. É evidente que este aspecto foi un elemento de desgaste permanente. -E se se reeditase un novo tripartito de esquerdas, ¿qué diferenza habería co anterior? -Nestes tres anos todos aprendemos. Se se reeditase o tripartito, ERC xa anunciou que recuperaría boa parte dos aspectos fundamentais do Pacto do Tinell, pero ao mesmo tempo buscaría a maneira de que o Goberno non se convertese en monocolor, como foi este último medio ano. -¿Con quen se sentiría máis cómodo gobernando, con Montilla ou con Mas? -Mantemos grandes coincidencias con CiU e co PSC, pero, ao mesmo tempo, diferenzas máis que notables en determinados ámbitos. Agora ben, se falamos de comodidade, mantiña unha relación cordial, incluso afable, con Pujol e con Maragall.