Guerra en Oriente Medio: os Estados Unidos e Israel levan máis de dúas semanas en guerra contra Irán
ESCUELA
O problema entre territorios vén de antes, xa que levan máis de catro décadas con malas relacións
18 mar 2026 . Actualizado a las 05:00 h.É difícil que non o vísedes nas noticias, na televisión, na radio ou nas redes sociais. Hai unha guerra en Oriente Medio dun bando formado polos Estados Unidos e Israel contra Irán. Todo o mundo está pendente do que sucede porque os ataques que uns e outros se lanzan entre si inflúen no resto dos territorios.
Que é Oriente Medio?
Oriente Medio é unha rexión do mundo situada entre Europa, Asia e África. Non é un país, senón un conxunto de Estados. Nesta zona atópanse países como Israel, Irán, Iraq ou Arabia Saudita. É unha rexión estratéxica porque é moi rica en petróleo, pero tamén moi inestable desde o punto de vista da paz, xa que existen distintos conflitos bélicos, como o dos ataques de Israel contra a Franxa de Gaza e Palestina.
Que está a pasar alí?
O sábado 28 de febreiro, é dicir, hai dúas semanas, os Estados Unidos e Israel lanzaron unha operación de bombardeo concxunto contra diferentes obxectivos en Irán. Os obxectivos das explosións foron varias cidades, incluída a capital, Teherán. Os Gobernos dos Estados Unidos e de Israel manifestaron que o obxectivo destes ataques era debilitar as capacidades militares de Irán. Segundo a súa versión, este país estaba a desenvolver armas que consideran unha ameaza para a seguridade de Israel e para a estabilidade da rexión.
Irán, pola súa banda, declarou que a operación é unha agresión militar sen xustificación e respondeu aos ataques. Lanzou mísiles e drons contra Israel e contra bases militares estadounidenses na rexión. Con todo, a tensión subiu aínda máis cando se confirmou que nos primeiros bombardeos morrera o líder supremo iraniano, o aiatolá Alí Khamenei, cuxa residencia foi alcanzada polos proxectís.
O problema comezou ese día?
A guerra si. Agora ben, a mala relación entre un e os outros vén de antes. En realidade, durante unha boa parte do século XX, Irán, que non é un país árabe, e Israel non foron inimigos. É máis, antes de 1979 mantiñan relacións cordiais. Ata ese ano Irán estaba gobernado polo xa Mohammad Reza Pahlavi, un monarca aliado dos Estados Unidos que simpatizaba con Occidente. Nese contexto, Israel e Irán cooperaban dende un punto de vista económico e compartían preocupacións estratéxicas, especialmente fronte a algúns países árabes que se opoñían á existencia de Israel. Pero todo cambiou coa revolución de Irán de 1979, cando o xa foi derrocado e o país pasou a converterse nunha república islámica dirixida por líderes relixiosos. Os novos gobernantes consideraban os Estados Unidos e Israel símbolos da influencia occidental na rexión e adoptaron unha postura moi crítica con ambos.
Pero agora por que se atacan?
Neste conflito media a historia, como é lóxico. Oficialmente, os Estados Unidos e Israel acusan a Irán de tentar desenvolver armas nucleares e de apoiar a organizacións armadas que actúan contra Israel, como son o caso de Hamas en Gaza e o de Hezbolá no Líbano. Ademais, din que queren axudar ao pobo de Irán. Pero esta guerra coincide case coa intervención dos Estados Unidos en Venezuela, país no que derrocaron o presidente Nicolás Maduro, e coa ameaza enviada a Cuba. Para algúns analistas, a intención do presidente Donald Trump é acadar máis poder e influencia.
Como é a vida en Irán?
Os 93 millóns de habitantes de Irán —a antiga Persia— viven desde hai anos nunha situación complexa. Para entender o que ocorre alí é necesario mirar a súa historia recente. Tras a revolución de 1979, o poder quedou en mans do líder supremo, o aiatolá, e a relixión adquiriu moito máis peso. Actividades como tomar alcol, escoitar música non relixiosa ou vestirse segundo o que eles consideran inmoral volvéronse ilegais, o que carrexa castigos severos como lategazos ou mesmo execucións públicas. Ademais, o apoio a organizacións terroristas illouno de Occidente, que lle impuxo sancións. As mulleres son as máis afectadas. Antes podían estudar, traballar, votar e vestirse como quixesen. Despois de 1979 élles obrigatorio vestir en público o hixab, un veo que cobre o cabelo. E o seu status legal diminuíu: por exemplo, a lei aínda permite que un home poida decidir se a súa muller pode traballar.
As relacións exteriores de Irán son igualmente complexas. Mantén alianzas con algúns Gobernos e grupos políticos armados en países como Siria ou Iraq, o que aumenta o seu peso estratéxico na zona, pero tamén ten rivalidades con outros Estados.
Actividade básica
A orixe
Oriente Medio é o berce da civilización. Saberiades dicir por que? Tamén é o lugar no que xurdiron tres importantes relixións. Cales son? Investigade como conviven hoxe.
-----------
As actividades están deseñadas por L. Cancela
Por que debe importarnos o que sucede a miles de quilómetros?
Como represalia, Irán pechou o estreito de Ormuz, unha ruta esencial para o comercio do petróleo
L. Cancela
As consecuencias da guerra iniciada polos Estados Unidos e Israel contra Irán afecta aos prezos das cousas que necesitamos en Occidente, o que inclúe os galegos. Vexámolo nalgúns datos.
Irán é o cuarto país do mundo con máis reservas de petróleo. Como Europa lle impuxera sancións económicas, non llo mercaba. Non obstante, e a raíz dos ataques, Irán pechou o estreito de Ormuz como represalia. E isto si que é un problema, porque este estreito é unha canle natural de auga que une o golfo Pérsico co de Omán, que dá ao océano Índico. Dunha banda está Irán, e da outra, Omán e os Emiratos Árabes Unidos. Tal e como se pode ver no mapa, non é un estreito moi grande. Só ten uns cincuenta quilómetros de lonxitude entre a entrada e a saída, e uns 33 de ancho no punto máis estreito. Malia as súas dimensións, considérase un dos puntos principais do comercio mundial de combustibles, porque por el pasan enormes barcos cargados de petróleo procedentes de países do Golfo como Arabia Saudita, Kuwait, Iraq ou Catar.
Para entender a súa importancia basta un dato: ao redor dunha quinta parte do petróleo que se consome no mundo pasa por ese estreito. É dicir, de cada cinco barcos cargados de petróleo que hai no planeta un atravesa ese paso, que non pertence a un único país. Como ocorre con moitos espazos marítimos, este está dividido en diferentes zonas territoriais: parte do estreito corresponde a Irán, e outra parte a Omán. Isto significa que cada un ten dereitos sobre as augas que están máis preto da súa costa. Ademais, polo medio hai unha estrada marítima.
Por que nos inflúe, malia o lonxe que está de España? Porque por el pasa unha parte do petróleo que nós necesitamos. As enerxías renovables, como a solar ou a eólica, achegan unha parte cada vez maior da que consumimos, pero o petróleo segue sendo necesario para moitas cousas: para mover coches e camións e trens que transportan mercadorías, e para fabricar plásticos e algúns produtos químicos.
Tras pechar Irán este estreito, como os petroleiros non poden navegar con seguridade, o prezo do cru sobe, e con iso increméntase, e moito de repente, o da gasolina e o do diésel. Cal é a razón disto? Para entendelo hai que comprender unha lei básica da economía, que se chama da oferta e a demanda. A oferta é a cantidade de algo que hai dispoñible para vender: neste caso, sería a cantidade de petróleo que os países produtores poden transportar e vender ao resto do mundo. A demanda é a cantidade dese produto que a xente quere comprar: no caso do petróleo, a demanda é moi alta, porque moitos países necesítano para que circulen coches, camións, avións e barcos, e tamén para fabricar moitos produtos.
Cando o estreito de Ormuz funciona con normalidade, moitos barcos pasan por alí cada día cargados de petróleo. Iso significa que hai bastante petróleo dispoñible no mercado. Pero se o paso está pechado, poden pasar menos petroleiros. Iso quere dicir que a oferta de petróleo baixa, porque aos países que queren compralo chega menos. Con todo, a demanda segue sendo a mesma porque os cidadáns deses países seguen precisándoo.
Por iso, aínda que España non compre petróleo directamente a Irán, se o paso polo estreito de Ormuz se dificulta, o prezo do petróleo sobe en todo o mundo. E cando sobe o prezo do petróleo, tamén sobe o prezo dos produtos que dependen del.
Actividade media
O efecto dominó
A economía é como un dominó. Os prezos da gasolina e o diésel están a subir. Como consecuencia, que outras cousas poden ser máis caras? Como se relacionan entre si?
ENTENDER
España está en contra desta guerra
- Cando comeza unha guerra entre países, cada nación ten que decidir que postura adopta. No enfrontamento entre os Estados Unidos e Israel contra Irán, a posición de España foi bastante clara desde o principio.
- O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, explicou que España non está de acordo cos ataques militares contra Irán. Segundo dixo, eses bombardeos non respectan o dereito internacional, que é o conxunto de normas que os países do mundo crearon para evitar guerras e resolver os conflitos de forma pacífica.
- Nesta situación, podemos preguntarnos: é a guerra a única maneira de resolver os problemas? Que outras solucións hai?
PROFUNDAR
A paz despois das grandes guerras do século XX foi froito dun esforzo de colaboración entre países
- Despois das grandes guerras mundiais, Europa quedou profundamente danada e as fronteiras entre países remexidas. A Primeira Guerra Mundial (1914-1918) xa causara unha enorme destrución e fora a fin de varios imperios, como o otomán, que dominaba extensos territorios en Oriente Medio. E apenas unhas décadas despois, estalou a Segunda Guerra Mundial (1939-1945), que devastou Europa.
- Ao rematar a Segunda Guerra Mundial, moitas cidades europeas estaban en ruínas. As persoas tiñan dificultades para atopar comida, traballo ou un lugar onde vivir. Ademais, había medo de que algo así volvese suceder. Por iso os países comezaron a pensar en formas para evitar novas guerras e manter a paz.
- Unha das solucións foi a creación da Organización das Nacións Unidas (ONU) en 1945. O seu obxectivo principal era que os países puidesen falar e resolver os problemas sen recorrer á violencia. Dentro da ONU existe o chamado Consello de Seguridade, que ten a responsabilidade de tentar manter a paz.
- Este Consello está formado por varios países, algúns deles permanentes, que toman decisións sobre conflitos internacionais. Pode propoñer solucións, enviar misións de paz e mesmo impoñer sancións cando considera que un país está a actuar de forma perigosa. Grazas a esta cooperación, Europa viviu un dos períodos de paz máis longos da súa historia recente, pero a paz, require un esforzo e diálogo constantes.
Actividade avanzada
Ser o Consello de Seguridade
Dividide a clase en grupos e escollede un vogal. Cada grupo representa un país que forme parte do Consello de Seguridade da ONU. Que solucións propoñeriades para solucionar o conflito en Oriente Medio?