As controladoras de pragas: croac, croac

S. P. REDACCIÓN

ESCUELA

Pinto & Chinto

O Día Mundial da Ra é unha xornada para reivindicar a importancia da conservación destes anfibios

18 mar 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Cada 20 de marzo celébrase o Día Mundial da Ra, ese anfibio da orde dos anuros do que existen varias especies, que ten a pel lisa de cor verdosa ou parda, que anda a saltos, é bo nadador e vive en lugares onde hai auga. Xa comentamos algunha vez que había datas sinaladas no calendario case de calquera animal ou causa... Pero neste caso explican os expertos que é importantísimo. Por que? Pois é que hai que xerar conciencia sobre a crise á que fan fronte as ras: como excelentes bioindicadores, o seu declive pode reflectir o deterioro de ecosistemas acuáticos e terrestres, incluíndo a contaminación da auga, a deforestación e o cambio climático. Uns bichiños tan pequenos e tan importantes.

Na actualidade, hai unhas sete mil especies de ras, das que un terzo están en perigo de extinción. A máis común na Península é a Pelophylax perezi, a ra común. É de cor verde brillante con manchas negras, moi ruidosa e abundante en ríos, charcas e mais encoros. Case seguro que se vedes un exemplar saltando nun estanque, sexa a desta especie. Se temos que falar dunha ra especial, única e pouca coñecida, hai que teletransportarse ata unha zona entre Guatemala, Honduras e O Salvador, o seu hábitat. O seu nome combina os termos de silva (bosque) e nimbus (nube), facendo honor aos bosques onde vive, entre os 1.400 e 2.000 metros sobre o nivel do mar, en ambientes húmidos. Pero advirten os expertos de que a súa situación é preocupante, e a Unión Internacional para a Conservación da Natureza catalogouna como en perigo crítico.

Como falabamos, son importantísimas. Se desaparecesen da faz da Terra, crecerían as poboacións de insectos transmisores de enfermidades, como a malaria, o dengue ou a febre amarela. As ras son as responsables, dalgún xeito, do equilibrio ecolóxico do planeta. Como? Primeiro, co control de pragas: aliméntanse de insectos, incluíndo mosquitos, que poden ser unha praga para os seres humanos e mais a agricultura. Os anfibios son sensibles a cambios no medio ambiente e poden dar pistas: por exemplo, se comezan a diminuír, pode ser un sinal de que algo está mal no ecosistema. Tamén son alimento para outros animais, como aves, serpes e outros réptiles.

Unha moi boa idea que se me ocorre para celebrar este día sería xogando. Seguro que xa coñecedes o xogo da ra, que consiste segundo apunta a Academia Galega en lanzar uns pequenos discos de certa distancia tratando de introducilos pola fendedura que forma a boca da figura dunha ra de ferro sentada ou por outras da mesma medida feitas na mesa onde está pousada a ra.