O mamífero co que máis se trafica do mundo

S. P. REDACCIÓN / LA VOZ

ESCUELA

Pinto & Chinto

Unha xornada para concienciar sobre a conservación deste descoñecido

25 feb 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Mamífero propio das zonas tropicais de Asia e África do que existen diversas especies, de corpo comprimido e fusiforme cuberto de escamas epidérmicas superpostas, coa lingua longa e viscosa, sen dentes e coas patas provistas de cinco grandes poutas. Esa é a definición que nos dá a Real Academia Galega do termo pangolín, a quen esta semana lle dedicamos esta páxina. O seu día mundial celébrase o terceiro sábado do mes de febreiro (o pasado día 21) para concienciar sobre a súa conservación, xa que é dos animais cos que máis se trafica do mundo. A súa caza ilegal, que intentan xustificar pola utilidade das súas escamas na medicina tradicional asiática, ou o comercio de mascotas exóticas puxeron as especies deste mamífero en risco de extinción. Tamén polo alto prezo da súa carne. Por iso están tan protexidos.

O caso é que vos estou a falar sobre os pangolíns e ao mellor nunca oístes falar deles. É así ou equivócome? Para os que non os coñezades, que saibades que non é nada raro, porque aínda que son animais fascinantes e peculiares (como xa vos adiantei coa súa descrición), non son tan habituais. Para comezar, son os únicos mamíferos que teñen escamas! Si, son de cor marrón e están feitas do mesmo material que as nosas uñas ou o pelo. De feito, supoñen o 20 % do seu peso corporal total. A primeira vista, pódense confundir con réptiles. A súa lingua longuísima (pode medir ata 70 centímetros) convérteos en cazadores excelentes de formigas e térmites, o que os fai cruciais para o seu ecosistema, controlando as pragas e promovendo o crecemento das plantas. Ao ano poden chegar a comer ata 70 millóns de insectos! E como algúns de nós, tamén son tímidos e sensibles.

Hai oito especies, que se distinguen pola súa forma, tamaño ou cor. Todos eles son nocturnos e poden nadar distancias curtas; mentres que algúns poden rubir polas árbores ou construír tobos baixo terra. Os oito tipos de pangolíns son: ventre negro, chino, xigante terrestre, indio, xilipino, de sunda, temminck e ventre branco. Como o seu nome indica, o xigante terrestre é o máis grande: vive en África e pode pesar ata 33 quilos e medir entre 140 e 180 centímetros dende a cabeza até a punta da cola. O máis pequeno é o de ventre negro, que vive nas selvas tropicais e case sempre está nas pólas das árbores. Só pesa uns tres quiliños!

A mellor forma que tedes de celebrar este día é, primeiro, coñecendo o pangolín, aprendendo datos e curiosidades sobre el e compartíndoas cos vosos compañeiros, amigos e familia. É moi triste que a súa especie estea en risco de desaparecer, por non dicir case extinta, e que non a coñezamos. E segundo, como idea que vos deixo, buscade en internet fotos destes mamíferos. Xa veredes que ben feitiños son!