A unión contra a homofobia no fútbol

L. Cancela

ESCUELA

Varios afeccionados coas uñas pintadas no partido do domingo en Balaídos en sinal de apoio a Borja Iglesias.
Varios afeccionados coas uñas pintadas no partido do domingo en Balaídos en sinal de apoio a Borja Iglesias. M.Moralejo

O xogador do Celta de Vigo Borja Iglesias recibiu insultos dos seareiros rivais, pero foi apoiado polo seu equipo e os seus afeccionados

21 ene 2026 . Actualizado a las 10:54 h.

Suponse que o deporte debe ser un espazo no que primen valores como o respecto ou a educación. E isto é algo que se aplica aos xogadores e aos afeccionados. Por regra xeral, é algo que se cumpre en todas as disciplinas, excepto nunha: o fútbol. Neste deporte, os xogadores, adestradores e árbitros teñen que escoitar en moitas ocasións insultos a eles mesmos ou as súas familias. O último en sufrilos foi Borja Iglesias, futbolista galego que actualmente xoga no Celta de Vigo.

Que pasou?

Despois dun partido disputado entre o equipo galego e o Sevilla, no Sánchez Pijuán, no cal o Celta obtivo a vitoria, Borja Iglesias saíu un momento aos exteriores do estadio andaluz para darlle a súa camiseta a un amigo que alí o esperaba. Neste momento, uns afeccionados dixéronlle: «A ver se morres, maricón de merda». E: «Píntate as uñas».

Que fixo o galego?

Os insultos foron captados por unha cámara, e o vídeo fíxose viral en redes sociais. Nelas, Borja Iglesias comentou, de forma irónica: «Que raro!, se isto no fútbol non pasa nunca». E engadiu: «E así todos os días. Seguimos convivindo nunha sociedade na que o respecto aos demais sigue sendo algo que está moi lonxe. Non sorprende que haxa insultos racistas e homófobos nos campos de fútbol», escribiu, contando tamén que lle chamaban mariposón ou lle instaban a pintarse as unllas.

Os insultos tiveron consecuencias?

Non. Pero tiveron unha gran condena en redes sociais. En concreto, a pena celtista Carcamäns Celestes, da Illa de Arousa, lanzou unha campaña para que a xente, homes e mulleres, acudise coas uñas pintadas ao partido que se celebrou o domingo contra o Raio Vallecano en Vigo. Desta forma apoiaban ao xogador e amosábanse en contra da homofobia. Cando o Celta tivo coñecemento da iniciativa, promoveuna e reiterou a mensaxe de que se acudira coas uñas pintadas. Lamentablemente, nas horas seguintes recibiu unha onda de odio nas redes sociais, con todo tipo de insultos e faltas de respecto, tanto ao club como á súa afección. Iso no impediu que o domingo moita xente animase o seu equipo coas uñas pintadas.

Por que as uñas?

Porque Borja Iglesias adoita levar as uñas pintadas e é un dos motivos polos que recibe insultos. Tamén se posiciona en moitas denuncias sociais, como a homofobia ou o apoio ás compañeiras da selección española feminina cando pedían mellores condicións, algo que a maioría dos futbolistas profesionais non fan. Todo isto alimenta un odio que non ten xustificación.

A gravidade dos insultos

Un insulto non ten cabida en ningún espazo, sexa do que sexa, pero no fútbol está normalizado, parécenos unha cousa menor. Aínda por enriba, o insulto homófobo busca humillar e sinalar a quen rompe os estereotipos tradicionais. Aquí non importa a orientación sexual do deportista, porque en realidade a súa parella é unha muller. O obxectivo dos agresores é excluír e ser hostís a unha persoa porque pensa diferente.

As ofensas tamén poden ser un tipo de discurso de odio

Estes insultos non son só unha falta de educación. Para algunhas persoas son un discurso de odio porque atacan a outra por unha característica protexida, neste caso a orientación sexual aínda que é suposta. Por que? O termo utilizado é un insulto que historicamente se empregou para humillar as persoas homosexuais e transmitir a idea de que valen menos: ao engadir unha expresión de desprezo refórzase esa mensaxe. Ademais, aínda que o ataque vaia dirixido a un xogador concreto, o dano non se limita a el, xa que reforza estereotipos negativos e afecta a todo o colectivo. A maiores, os insultos proferíronse na rúa e tras un evento multitudinario, o que aumenta o seu impacto e contribúe a normalizar unha linguaxe discriminatoria.

Que pasa nun partido cando o público di frases racistas ou aldraxantes?

Cando nun partido da Liga hai insultos graves, como os de carácter racista, homófobo ou discriminatorio, existe un protocolo de actuación para frealos e protexer os xogadores. Este protocolo baséase nunha resposta progresiva que se activa cando o árbitro detecta cánticos ou berros ofensivos desde a bancada. O primeiro paso adoita ser unha advertencia pública, mediante unha mensaxe por megafonía ou nos marcadores do estadio pedindo que cesen os insultos. Se o comportamento continúa, o árbitro pode deter temporalmente o partido e enviar os xogadores aos vestiarios durante uns minutos. Por exemplo, en febreiro do 2025, durante un partido entre o Athletic Club e o Espanyol, o árbitro parou temporalmente o encontro por insultos racistas dirixidos a un xogador do Bilbao.

Actividade básica

No teu centro

É momento de ser creativos. Cos teus compañeiros, pensa como farías unha campaña en contra da homofobia no teu colexio. Se o centro che dá permiso, lévaa a cabo e mándanos fotos.

-------------------

As actividades están deseñadas por L. Cancela

A homosexualidade no fútbol

Imaxe de arquivo do Día do Orgullo na Coruña.
Imaxe de arquivo do Día do Orgullo na Coruña. EDUARDO PEREZ

A pesar de que hoxe en día médicos, profesores ou xuíces din abertamente que son homosexuais, isto non sucede noutros eidos

No deporte mundial, especialmente visible no fútbol masculino, a homofobia segue sendo unha realidade persistente. Pese aos avances sociais e ás mensaxes institucionais en favor da diversidade e ao progreso noutros ámbitos, como o do racismo, o fútbol continúa sendo un espazo onde a orientación sexual apenas ten presenza pública. Non existen datos oficiais sobre cantos futbolistas son homosexuais, pero a brecha entre a realidade social e a visibilidade dentro do deporte é clara.

En España, o Goberno tentou poñer cifras sobre a mesa. No 2021, o Executivo de Pedro Sánchez incluíu referencias concretas ao fútbol nunha proposición non de lei presentada no Congreso co obxectivo de combater comportamentos contrarios á liberdade sexual, especialmente neste deporte. Nese texto sinalábase que no ámbito do fútbol pode haber máis de 42.000 xogadores LGTBI federados, dos cales 142 son profesionais. Iso si, en todo o mundo.

Noutras profesións, como a medicina, a docencia, o xornalismo ou a xudicatura, a presenza visible de persoas homosexuais é habitual, e a súa orientación non adoita suscitar debate público. No fútbol masculino, ao contrario, a ausencia de referentes é rechamante. Isto non implica que non existan futbolistas homosexuais, senón que moi poucos optaron por facelo público. Isto pode ser por medo á discriminación, á presión mediática ou ao impacto na súa carreira. De feito, varios xogadores declararon que son gais só tras terminala. Unha decisión que reflicte o peso do tabú no fútbol activo.

Existe un debate lexítimo sobre a privacidade da orientación sexual. Moitas voces sosteñen que non é necesario que os futbolistas a fagan pública porque pertence ao ámbito íntimo. Este argumento é certo: ninguén debe sentirse obrigado a compartir aspectos persoais da súa vida. Con todo, nun contexto onde a visibilidade de persoas homosexuais é case inexistente, contalo pode converterse nun acto de responsabilidade social. Axuda a ofrecer referentes positivos a outros homes que se senten sós ou temen expresalo por prexuízos.

Maior liberdade na competición feminina, aínda que con estereotipos

No fútbol feminino sucede o contrario. A visibilidade de mozas lesbianas ou bisexuais é moito máis alta que no masculino, e está normalizada. Moitas xogadoras mostran publicamente as súas relacións con outras mulleres e falan abertamente da súa orientación sexual.

Por que hai tanta diferenza? Parte da explicación está na cultura que rodea a cada deporte. O fútbol masculino aínda está marcado por ideas antigas sobre o que significa ser home ou ser futbolista. En cambio, parece que o fútbol feminino construíu un espazo onde moitas xogadoras se senten máis libres de mostrar a súa identidade sen que iso afecte a súa carreira. Ademais, o apoio entre compañeiras e a representación mediática axudan a que haxa máis visibilidade de relacións e orientacións sexuais diversas. É dicir, cantas máis o fan público, mellor se entende que é algo normal.

Con todo, aínda enfrontan algúns prexuízos. Por exemplo, ás veces chámaselles marimachos, dise que non son femininas por pelexar polo balón, ou que non son tan boas como os mozos só polo seu sexo.

Estes estereotipos son inxustos e limitan como son percibidas as xogadoras, aínda que cada vez se oen menos. De feito, se o pensamos ben, é absurdo crer que a orientación sexual ou xogar ao fútbol definen se alguén é feminina ou masculina.

Actividade media

Comentarios nas gradas

Se algunha vez estiveches nun partido de fútbol, pensa nos comentarios que puideches oír sobre os xogadores, adestradores ou árbitros. Estaban feitos desde o respecto ou tiñan odio? Por que pensas que o fútbol enfada tanto aos seus seguidores?

ENTENDER

Nin o rosa nin os tacóns foron sempre de mulleres

  • Nin as prendas nin os colores nin moitos menos a estética teñen donos. Que asociemos unha cousa coas nenas ou cos nenos é unha construción da sociedade marcada pola nosa cultura e o noso país. O mesmo sucede coas uñas pintadas. Se o pensamos ben, por que é de mulleres?
  • Un exemplo histórico curioso é o uso dos tacóns en homes durante o século XVIII. Naquela época, os homes da nobreza, especialmente en Francia, levábanos como símbolo de status e poder, mentres que as mulleres tamén os usaban, pero por razóns diferentes, máis relacionadas coa moda e a elegancia.
  • Mesmo as cores cambiaron de significado cos anos. A principios do século XX, o rosa asociábase cos nenos, como un símbolo de forza, porque era unha cor máis preto do vermello, tamén con este significado. Así que o azul celeste quedou para as nenas, e iso ata finais dos anos corenta.

PROFUNDAR

Aceptar os demais obriga a aceptarse a un mesmo, e este exercicio non sempre é cómodo

  • A liberdade individual que, como sociedade, gañamos nos últimos cincuenta anos fai que cada quen poida mostrarse como é, é dicir, diferente dos outros. España é máis diversa que cando naceron os nosos pais e os nosos avós.
  • Non obstante, esta diversidade supón un reto que non debería existir: aceptar os que non son como a maioría ou como se pensa que hai que ser. Esta aceptación tamén serve para aceptarnos a nós mesmos, as nosas ideas ou prexuízos.
  • Cando se recoñece a alguén cunha orientación sexual, unha aparencia, unha relixión ou unha forma de pensar distintos, non só se acepta a súa existencia, senón que tamén obriga a compararse e, en moitos casos, a aceptarse como un é. Esta dinámica pode xerar incomodidade, porque confronta o individuo coa súa vulnerabilidade e as limitacións dos estereotipos que ten interiorizados.
  • A homofobia é un exemplo disto. Aínda hoxe, cando a sociedade avanzou tanto en dereitos LGTBI, a hostilidade segue presente, tanto en contornas públicas como privadas. Este rexeitamento moitas veces non reflicte un odio real ao outro, senón un medo silencioso: medo a cuestionar os roles de xénero tradicionais, a perder privilexios asociados á heterosexualidade ou a aceptar a propia homosexualidade.
  • Parádevos a pensar. Que medos tendes cando rexeitades a alguén?

Actividade avanzada

As ideas de xénero

Debuxade varias figuras de persoas nun papel grande. Ao redor escribide palabras que a sociedade asocia con mozos ou mozas (cores, xogos, deportes, actitudes).

Por que o vemos así? Que exemplos coñecedes que rompan estas ideas?