Nesta xornada reivindícase o labor das finanzas para coidar o medio ambiente e as persoas
03 dic 2025 . Actualizado a las 15:42 h.A finais do mes de outubro falamos nestas páxinas sobre o aforro, unha ferramenta imprescindible para mellorar a nosa calidade de vida e prepararnos para o futuro. Hoxe afondaremos noutro tema moi vinculado co Día Internacional dos Bancos, que celebramos mañá, 4 de decembro. Unha data creada hai seis anos pola Organización das Nacións Unidas para axudar a mellorar a vida das persoas e coidar o planeta. Seguro que vos estaredes preguntando que son as finanzas que coidan o medio ambiente e as persoas... Pois, basicamente, significa ter en conta o planeta e as persoas ao tomar decisións. Como, por exemplo, financiar proxectos e empresas que contribúan a un futuro máis sostible e que axuden a que todos vivamos mellor.
Pero primeiro teremos que falar dos bancos. Amais de para sacar diñeiro do caixeiro automático, podemos definilos como o lugar onde as persoas depositan os cartos e tamén onde os poden pedir prestados. Funcionan como intermediarios: collen o diñeiro das persoas que aforran e préstanllelo a outras que o necesitan, que por outra banda se comprometen a ir devolvéndoo aos poucos. A cambio o banco cóbralles un diñeiro (os intereses), o que lle permite compensar a quen depositan os cartos. E tamén a forma que teñen de seguir funcionando.
E non son só cousas de adultos, que será o que seguramente estades pensando agora. Unha aprendizaxe importante para a vida é que teñades a vosa conta bancaria e xestionedes —sempre coa axuda e guía dos vosos pais— o diñeiro que vaiades recibindo, como, por exemplo, como regalo polos aniversarios. Así xa comezaredes a tomar as primeiras decisións financeiras. Diso xa falamos cando tratamos sobre o aforro.
Pero, volvendo ao tema de hoxe, o Día Internacional dos Bancos, vouvos explicar a razón pola que se lles dedica unha xornada. A efeméride busca recoñecer o traballo dos bancos multilaterais, que axudan a moitos países á vez para mellorar as súas escolas, os seus hospitais, a igualdade entre as persoas e a loita contra o cambio climático.
O feito é que a economía mundial se enfronta a novos retos e desafíos, e un deles é a chamada volatilidade financeira, que é a velocidade á que soben e baixan os prezos das cousas nas que se pode investir e a intensidade coa que o fan. Un exemplo son as accións, que son como posuír unha pequena parte dunha empresa, coma comer un anaco dunha pizza comprada entre todos. Se un prezo cambia moito en pouco tempo, é moi volátil, e iso fai difícil cumprir os obxectivos previstos na Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible, dos que xa falaramos. E aí entran en xogo os bancos: elaborando plans de financiamento que permitan aos países acadar eses obxectivos.
Para saber máis
Como credes que poden coidar os bancos do medio ambiente e das persoas? Facede entre todos na aula unha lista con cinco ideas.