Pautas para comunicar aos fillos a separación ou divorcio da parella
13 feb 2019 . Actualizado a las 09:57 h.Cando unha parella toma a decisión de separarse, e sempre que haxa fillos polo medio, debe ter presente o que os expertos no tema denominan as tres regras de ouro de cara a protexer os intereses dos menores:
- Comunicación e entendemento. O que máis lles axudará a adaptarse á nova situación é a ausencia de hostilidade e conflitos graves entre o pai e a nai. Ou, no caso de habelos, cando estes non se transmiten de forma explícita, non se escenifican diante deles e resólvense de forma construtiva.
- Respecto polo outro proxenitor dos teus fillos. Manter unha imaxe positiva do ex-cónxuxe, transmitindo unha actitude de respecto e incluso afecto, achega estabilidade, tranquilidade e benestar á vida emocional dos menores.
- Criterios educativos unificados. Aínda que non sempre resulta unha tarefa sinxela, esforzarse para acordar normas, establecer rutinas e tomar decisións de común acordo sobre a crianza e educación dos fillos supón un enorme beneficio a medio e longo prazo.
En todo caso, o feito de que ambos os membros da parella estean preocupados sobre o mellor xeito de transmitir esta información aos fillos e en facilitarlles todo o posible este proceso ten xa un bo prognóstico. Unha separación ou divorcio dos pais pódese vivir sen traumas e superarse sen demasiada dificultade se se expón ben desde o principio. Estes son 14 puntos a ter en conta:
1. Informar de forma conxunta, pai e nai, da decisión que se tomou. Evítase así botar a culpa a un deles e transmítese seguridade. Aínda que a decisión da separación adóitaa tomar un dos proxenitores, é mellor dicir que é unha decisión conxunta, moi meditada e pensada, polo ben de todos.
2. Evitar anuncios por sorpresa. Os expertos recomendan falar cos nenos polo menos unha ou dúas semanas antes de que se produza a separación. Así dáselles tempo para asimilar a nova situación e suavízase o sentimento de abandono. É conveniente falar con claridade, adaptando o discurso ao nivel de madurez dos fillos. Esta franqueza non implica ofrecer excesiva información ou detalles que só incumben á intimidade dos adultos.
3. Acordar una mesma versión, entre pai e nai, do proceso que se vai vivir. É importante que transmitan que cada un dos proxenitores vai seguir estando aí, para o que os fillos necesiten deles. E, ante todo, hai que deixar claro que os fillos non son culpables de nada.
4. É tan importante o que se di como a forma en que se din as cousas: un exceso de emotividade pode transmitir preocupación e inseguridade aos menores. Tampouco é conveniente ser ambiguo e alimentar a fantasía dunha futura reconciliación.
5. Aclarar desde o principio as dúbidas sobre datos prácticos a partir da ruptura: con quen van vivir, onde, réxime de visitas, vacacións, colexios... E, sempre que sexa posible, mostrar acordo, tranquilidade e boa comunicación coa ex-parella.
6. Animalos a que pregunten e expresen os seus pensamentos, dúbidas e sentimentos, aceptando as súas emocións negativas, como rabia, medo ou ira.
7. Evitar presentar a separación como un proceso sinxelo no que todos van seguir felices: mellor anticipar que ao principio vai custar adaptarse á nova situación, pero que se superará.
8. Informar o resto da familia, sobre todo a avós, tíos ou curmáns cos que exista maior relación, da ruptura e da situación en que quedan os nenos. É importante pedirlles colaboración e a maior neutralidade posible.
9. Comunicar ao centro educativo a nova situación da familia e o réxime de garda e custodia dos fillos que se acordou (con documentación oficial).
10. Definir as mesmas normas e criterios educativos para cando o menor estea no fogar paterno ou materno. O que non está permitido nun lado tampouco o está no outro.
11. Non caer nos excesos económicos (compra de agasallos, xoguetes ou roupa de moda) como suposta compensación pola difícil situación pola que están a pasar.
12. Evitar algúns erros comúns: ceder a chantaxes emocionais, utilizar os nenos como armas arreboladizas para prexudicar ao contrario…
13. Non perder o contacto coa familia paterna ou materna (avós, tíos, curmáns…) nin romper as principais relacións sociais que se mantiñan antes da ruptura.
14. Manter unha actitude de respecto cara á ex-parella. Este obxectivo, non sempre fácil de conseguir, é a clave para consolidar sen traumas a nova organización familiar.
Escuela de padres
- Tema do mes: Separacións e divorcios.
- Etapa: Infancia e adolescencia.
- O dato: Tres de cada catro divorcios prodúcense de mutuo acordo. A duración media dos matrimonios españois ata a súa disolución é de 16,6 anos (datos do Instituto Nacional de Estadtística do 2018).
- Comportamentos que se deben evitar: Permitir, tras a separación, a sensación de perda dun dos proxenitores (por falta de contacto, por arrefriado da relación ou porque acabe converténdose nunha relación de baixa calidade).
- Algunhas claves: Manter, na medida do posible, as mesmas actividades ás que estaban habituados (asistencia ao mesmo colexio ou instituto, actividades deportivas…), o mesmo contacto coa familia extensa (avós…) e o círculo de amigos.
- Para saber máis: «Guía para padres y madres en situación de separación y/o divorcio. Cómo actuar con los hijos e hijas», editada polo programa de mediación De Común Acordo, do Concello de Vitoria-Gasteiz. Esta é a ligazón ao PDF: https://goo.gl/MQ8Mfz