¿Que está a fallar?

> Ana T. Jack anatjack@edu.xunta.es

ESCUELA

FUCO REI

O Informe PISA sitúa aos alumnos españois por baixo da media en resolución de problemas

23 abr 2014 . Actualizado a las 12:18 h.

Os estudantes de 15 anos españois obteñen mediocres resultados en matemáticas, ciencias e comprensión lectora en relación ao resto de países avaliados polo Informe PISA. Iso xa o sabiamos. Agora dinnos que en habilidades prácticas os datos son aínda peores: estamos 23 puntos por baixo (477) da media da OCDE (500 puntos). E dos seis niveis establecidos por PISA (onde o nivel 1 é o máis básico e o nivel 6 o de excelencia), a media dos adolescentes españois sitúase no 2. Só un 7,8 % alcanzan o nivel máis alto, mentres que unha porcentaxe do 28,5 % quedan no máis baixo. Outros datos interesantes: non hai diferenzas de rendemento por sexo, os fillos de persoas sen estudos obteñen resultados similares ao resto mentres que os de contornas socioculturais altas fano peor en España que no resto dos países da OCDE.

Tratábase, en principio, de medir a capacidade de aplicación dos coñecementos teóricos á práctica para resolver problemas da vida cotiá. Para conseguilo utilizáronse distintas simulacións por computador. Por exemplo:

? Había que pescudar como funcionaba un aparello de aire acondicionado ou como axustar un reprodutor MP3.

? Tiñan que comprar os billetes de metro máis económicos nunha máquina automática ou adiviñar a ruta máis rápida nun mapa de estradas sobre os barrios dunha cidade.

? Debían predicir o movemento dun robot de limpeza que se estaba probando nun cuarto no que había distintos obxectos.

? E tamén tiñan que discorrer como colocar a oito persoas ao redor dunha mesa nunha festa de aniversario tendo en conta unha serie de condicións (os que se poden sentar xuntos e os que non).

A primeira vista, pódense atopar varios peros a este tipo de exercicios:

? Non é o mesmo un alumno do centro de Madrid (adoitado a coller metros, interpretar planos e probablemente a usar aparellos de aire acondicionado) que outro que viva no rural. Ademais, non é o mesmo un estudante que está adoitado a facer simulacións por computador que outro que apenas o utiliza para entrar en Google.

? E outra cuestión importante é: ¿de verdade estes exercicios están a medir o que se lles ensina desde o sistema educativo? En aparencia, o rendemento dos estudantes nestas probas está moi relacionado coa súa capacidade intelectual, en concreto coa súa intelixencia práctica ou intuitiva para a resolución de problemas.

Por non falar da súa contorna socioeconómica: un neno que desde pequeno viaxa de forma habitual cos seus pais, que en casa ten climatizador e MP3 ou que está moi familiarizado cos dispositivos tecnolóxicos (ordenadores, tabletas...), renderá máis e mellor que outro sen esas circunstancias favorecedoras. ¡Sen que por iso haxa que supor que ten nada que ver co que lle ensinaron no colexio!

En todo caso, aínda tendo en conta todas estas circunstancias, non ten moito sentido empeñarse en negar o que parece evidente: o sistema educativo español é moi mellorable. A propia secretaria de Estado de Educación, Montserrat Gomendio, que foi a encargada de presentar estes datos, suxeriu que «fai falta un cambio radical na metodoloxía do ensino». Todos de acordo. O malo é que a Lomce, neste sentido, proponse como máis do mesmo. ¡E está claro que iso non nos funciona!

As claves do que está a fallar no noso sistema educativo téñenas os propios docentes: o 87 % recoñecen que, debido á formulación do actual sistema educativo, non están a preparar ao seu alumnado para os grandes retos do século XXI. Este é un dato obtido na enquisa realizada pola editorial SM, a través do seu programa SMConectados, sobre 2.900 profesores de toda España. O 86 %, ademais, rexeitan o actual sistema de avaliación por considerar que non é o adecuado para valorar as habilidades e capacidades reais dos estudantes.

En canto ás solucións que propoñen para mellorar os resultados, destacan as seguintes:

? Recorrer a novas formas de aprendizaxe, novos métodos, «xa que a tecnoloxía en si mesma non cambia nada».

Non se trataría tanto de «como se ensina» (se con lousa ou con tabletas dixitais), senón de «que se ensína» (menos contidos, máis destrezas e habilidades prácticas). Nesta idea coinciden o 97 % dos entrevistados.

? Fomentar o pensamento crítico fronte á repetición e á memorización (76 %).

? Traballar as intelixencias múltiples de forma individualizada (71 %).

? Fomentar o traballo cooperativo nas aulas (59 %).

Con todos estes datos hai razóns máis que suficientes para comezar a pensar (seriamente) nun xiro metodolóxico.