Un compendio de toponimia galega

ESCUELA

CESAR QUIAN

A Academia vén de reunir e editar en dous tomos 178 estudos de Nicandro Ares

02 oct 2013 . Actualizado a las 12:23 h.

Chamou a miña atención estes días a noticia de que a Real Academia Galega vén de editar os estudos de toponimia de Nicandro Ares, dos volumes que reúnen 178 artigos escritos entre 1964 e o 2011 (19 de setembro: consulta a web de La Voz para ler a noticia completa). Así que, como non sei moito desta ciencia, comecei por buscar algo acerca dela nos meus manuais de referencia: como se pode definir, cal é o seu obxecto de estudo, algunha cousiña da súa historia (onde e cando nacera, ou cando comezou a facerse investigacións toponímicas sobre Galicia e en Galicia) e a súa filiación, é dicir, con que outras ciencias podemos relacionar a toponimia (se ten algunha irmá ou curmá, ou se forma parte dalgunha disciplina). É o normal cando un quere empezar a saber algo do que o ignora case todo, non sendo algunha idea común.

Pois non será por libros, pero o certo é que non atopei moita información. Só algúns dicionarios temáticos de ámbito moi amplo falan da onomástica como unha rama da lexicoloxía que estuda os nomes propios, tanto os de persoa (antropónimos) como os de lugar (topónimos). Unha definición tan sucinta que obriga mesmo a mirar que a lexicoloxía é o estudo do léxico dunha lingua.

Non me quedou outra que consultar o meu libro que máis fala cousas que teñen que ver coa linguaxe, o manual total: Ciencia del lenguaje y arte del estilo, de Martín Alonso. Malia que ten máis anos ca min e non é difícil decatarse dos seus desfases, ten unha parte ampla dedicada á lexicoloxía, na que inclúe a onomatoloxía ou onomástica, que trata da orixe dos nomes propios de persoa e de lugar. Matiz importante o da orixe, porque inclúe a onomástica na etimoloxía. E, nunha das longas listas ou florilexios que ofrece no libro, inclúe a do nome do noso autor e o seu significado: Nicandro vén do grego e quere dicir ?vencedor dos homes?, e admito que pensei que tardaría máis en atopalo.

A idea de que toponimia e antroponimia vaian tan xuntas é case que intuitiva. Non hai que saír da capital de Galicia para comprobar que hai nomes de lugar que proceden, como Santiago, dunha persoa. Nin hai que pensar moito para atopar un apelido que ten que ver, seguramente, coa procedencia dunha persoa ou dos seus antepasados, como o propio cura que estamos a lembrar, don Ares.

Con todo, unha definición descritiva do que fai a toponimia é a que ofrece o referente obrigado para iniciarse nesta materia en Galicia, Abelardo Moralejo Lasso, na súa Toponimia gallega y leonesa, onde aclara que se ocupa da orixe dos nomes de lugar, da súa significación orixinal, de que linguas proceden ou que pobos bautizaron estes lugares, ademais das transformacións que sufriron ao longo da historia.

Insiste Moralejo na importancia desta disciplina, sobre todo nos ámbitos da prehistoria e da protohistoria, para determinar as áreas de expansión e os movementos dos pobos primitivos. Ao estudo dos nomes propios de lugar atribúe non menos valor que aos achados arqueolóxicos, dada a resistencia aos cambios que presentan os topónimos, pouco máis aló das adaptacións fonéticas.

Actividades

1. ¿Queres saber quen é Nicandro Ares? Podes ler unha breve biografía na páxina web galegos.info (http://goo.gl/wYskvx)

2. Hai topónimos cunha etimoloxía transparente. Propómosche explicar unha moi doada para quen adoitan ler os periódicos, a de Fisterra.

3. Pero se non sodes da Costa da Morte, non vaiades tan lonxe. Mirade na vosa contorna e facede unha lista cos topónimos máis próximos e explicade o seu significado. Que cada un da clase faga isto con cinco, por exemplo, e logo poñédelos en común. (Ollo: se tedes algún moi difícil, deixádeo e buscade outro).

4. Xa que falamos de etimoloxía, ¿podes explicar a de «toponimia»? ¿E a de «antroponimia»?

5. Tamén podemos xogar un pouco cos apelidos dos compañeiros da clase. Recollede na pizarra unha lista cos que teñen que ver con topónimos e os que non. ¿Hai moita diferenza entre uns e outros? ¿Sodes quen de investigar coa axuda de Internet cal e o significado de todos eles? Despois desta busca, ¿hai que mover algún dunha lista a outra?

6. Este é un documento en PDF de poucas páxinas que dá algunhas etimoloxías. Pode servir de achegamento ás actividades de clase: http://goo.gl/bE7snm