Un libro para aprender a bailar

> Carlos Ocampo

ESCUELA

«De roda en roda» escribiuse co obxectivo de facer que a xente se mova e se divirta

10 abr 2013 . Actualizado a las 13:47 h.

«Algo ten a música, que nos move», di Suso Cancela, coautor de De roda en roda. Músicas e danzas do mundo, no limiar deste libro multimedia. E non lle vou quitar eu a razón, que, aínda que xa son capaz de non pisar a moza ao bailar, pero non de acompasarme coa música, tamén ás veces me decato de estar movéndome involuntariamente ao ritmo dalgunha canción. Si: algo hai na música que fai que un baile, ás veces sen decatarse, ou que o intente e faga algo semellante.

Confiamos en que Suso Cancelas, Javier Jurado e Pilar Sampil, os autores de De roda en roda, serían indulxentes co destas liñas, porque o motivo de escribiren o libro é «revitalizar a danza tradicional» para que «se troque nun acto máis participativo» esta actividade sa e divertida.

Este, o pedagóxico, é o obxectivo dunha obra que ten, no desexo dos autores, a finalidade de recuperar «o pracer colectivo» das danzas tradicionais que protagonizan os renacidos seráns. E mais constitúe o motivo do seu carácter multimedia.

Multimedia, dicimos, porque o lector obterá, xunto co papel, un DVD cos bailes e un CD coas músicas, para que, como di a contratapa, «ninguén quede sen bailar». Na produción do DVD contaron os autores coa asociación Monteira. Grupo de Danzas do Mundo, que á súa vez botou man de xente non profesional para participaren nos bailes. E Monteira está tamén tras a gravación do CD coas músicas, unhas músicas, por certo, interpretadas con instrumentos autóctonos, nas linguas orixinais e que reproducen as partituras dos correspondentes capítulos.

Estes, os capítulos, dedícanse cada un a un baile e comezan polas instrucións para danzar, pero non quedan só niso. Engádese información curiosa sobre o baile e sobre os instrumentos característicos da interpretación da música correspondente, cuxa partitura é tamén reproducida