A partir deste mes, e durante novembro, calquera dos cabos galegos que penetran no mar convértese na mellor atalaia de Europa para gozar da migración dos mascatos. Estas impoñentes aves mariñas, de case dous metros de envergadura, cor neve e extremos das ás negros, deben dobrar durante as súas viaxes de outono esta esquina da península ibérica. En ocasións chegáronse a contar máis de 5.000 exemplares por hora de observación. Os mellores días para gozar deste espectáculo son os de vento de oeste e norte. Cando o mar está encrespado, e estas grandes aves deben sortear as altas ondas, podes pasar horas mirándoas pasar. Con elas viaxan moitas outras especies do océano: pardelas, carráns, palleiras... O destino dalgunhas delas é case incrible: as illas que rodean a Antártida.