O Parlamento galego explicado

ESCUELA

Un libro para escolares escrito por Blanco Valdés e ilustrado por Pinto & Chinto describe o funcionamento da principal institución autonómica

11 abr 2012 . Actualizado a las 11:54 h.

Xa ten uns anos o Estatuto de Autonomía polo que nos rexemos os galegos. É de 1981, así que os escolares de ensino medio non naceran cando se aprovou. Por iso non é inoportuna a publicación deste Libro, ou mellor, libriño divertido para saber máis do Parlamento galego do que se sabía antes de lelo.

«Libriño divertido», di o título. Home, libriño é: consta de 70 páxinas e moitas delas (todas as que teñen letra e algunhas máis) están ilustradas polo dúo de humoristas gráficos que abre a cotío as páxinas de Opinión de La Voz, Pinto & Chinto. Así que, aínda que o tema é áspero de por si, a edición invita á lectura mesmo os estudantes máis preguiceiros.

O texto resulta ameno, e non tanto «divertido». O tema é serio e ao texto de carácter descritivo fáltalle anécdota, máis aló da explicación. O ton próximo e a intencionalidade dos debuxos conseguen afastar a previsible densidade. A lectura é interesante e o autor logra afondar de abondo nos asuntos que trata, sen renunciar a ningún dos que poderiamos considerar esenciais.

E falando do autor, tampouco é descoñecido para os lectores de La Voz. Roberto L. Blanco Valdés compón un texto asequible para os alumnos da ESO (para as etapas previas o abstracto é o tema en si), quen, ao coñeceren (como prometía o longo título) as tripas do Parlamento, sen dúbida aprenderán a valorar as institucións democráticas e a participación cidadá no seu xogo.

O libro obséquiaselles os nenos que visiten o Parlamento, visitas que se poden concertar na web www.parlamentodegalicia.es (en Participación Cidadá, na tira de enriba, e logo en Visitas guiadas, á dereita) ou no teléfono 981 551 300.