Outro ano cunqueirán

> Carlos Ocampo carlos.ocampo@lavoz.es

ESCUELA

A fantasía permite prolongar un ano máis o centenario do nacemento do escritor de Mondoñedo

18 ene 2012 . Actualizado a las 13:10 h.

Estou certo de que a ninguén lle parecerá mal que prolonguemos no inicio do 2012 o ano cunqueirán que correspondía celebrar, e se celebrou, no 2011. Como naceu a finais de ano, un 22 de decembro, o seu centenario pasounos sen decatármonos ata que case estabamos no 2012. Espero que nin aos que xa o teñen entre os seus creadores favoritos nin aos que, ao mellor, o descobren con esta pouca ortodoxa dilatación moleste esta tardanza (tampouco é para tanto) en lembrar unha das máis fantasiosas mentes do pasado século.

Mar ao norde (1932) é o seu primeiro libro de poemas, pois como poeta se iniciou quen será lembrado máis como narrador. Influído sempre polas vangardas, en Cantiga nova que se chama riveira (1933) combina estas fórmulas coas formas e os motivos da lírica medieval, o que deu lugar ao chamado neotrobadorismo.

Tamén compuxo algunha obra dramática e será recordado asemade polos seus artigos xornalísticos. Foi redactor de El Pueblo Español e de Abc, e colaborou en El Progreso, La Región, La Voz... De El Faro de Vigo chegou a ser director, e foi neste xornal onde publicou moreas de artigos con diferentes pseudónimos.

Pero a partir dos cincuenta céntrase na narrativa, estreándose con Merlín e familia (1955), que une varias historias co fío do mago Merlín. Este título xa dá unha pista do estilo cunqueirán: descricións de terras, homes e costumes galegos, pero coa presenza do mito (neste caso, os do ciclo bretón) que dá paso á fantasía. Sen dar importancia á acción (un trazo propio da narrativa da época) e alonxado do realismo social, Cunqueiro contribúe á renovación da narrativa de posguerra.

SINBAD E A FANTASÍA DE CUNQUEIRO

O que quizais caracteriza a Cunqueiro, mellor que a outros coetáneos que tamén participan desta fórmula creativa, é a naturalidade coa que o marabilloso, o máxico forma parte da realidade cotiá. É algo que está en Torrente, por exemplo, e que despois singularizou a literatura do bum hispanoamericano, e non cabe dúbida de que o prestixio deste movemento contribuíu a recuperar a figura de Cunqueiro ante a crítica.

Cómo entendía o de Mondoñedo a literatura e a función da imaxinación é algo que o autor explicou a través do protagonista de Si o vello Sinbad volvese ás illas: «E Sinbad [...] pasaba os ollos seus pola memoria propia, aliñando nela as figuras como si tivera dediante un espello, e tiña a ollada dos maxinativos, que a mitada é pra fóra, pra variedade do mundo, e a outra mitade é pra drento, pró gosto do invento e a calorciña que dá ao esprito sacar unha historia de nada». A literatura é invención: reflicte a memoria, pero como nun espello, sen correspondencia cabal coa realidade.

Era a súa filosofía da vida: «Namentres a xente nosa fale do ouro escondido, é que estará viva en nós a ledicia imaxinativa, e seremos aínda máis ricos por soñar con tesouros que tendo tódolos tesouros do mundo nunha arca gardada». Extraemos estas palabras de Tesouros novos e vellos. Algunhas imaxinacións sobre tesouros, o seu discurso de ingreso na Real Academia Galega.

E continúa: «Vai un por un camiño [...] e parece que naquela miranda veciña brilla algo entre a herba, e un párase e soña cunha fada que ten na súa man un peite de ouro. Esto non fai dano a ninguén. Na aspereza da vida cotiá, soñar é necesario, e perder o tesouro dos ensoños é perder a merindade dos tesouros do mundo».