«Algunhas persoas xa estabamos indignadas moito antes do 15M»

ELECCIONES 2016

OSCAR CELA

Activista estudiantil e feminista, Olalla Rodil Fernández, cabeza de lista de Nós en Lugo pensa que o proxecto nacionalista nunca vai desaparecer

10 dic 2015 . Actualizado a las 09:37 h.

«Eu son dun sitio pequeniño da montaña de Lugo». Olalla Rodil Fernández (Ribeira de Piquín, 1989) é a cabeza de lista de Nós-Candidatura Galega en Lugo.

-Foi unha nena de aldea.

-Case todo o tempo. Pero meus pais sempre se esforzaron para que tiveramos acceso a moitas cousas que as miñas amizades non tiñan. Fun ao cine todos os domingos de inverno desde que era moi pequeniña, que era algo que os meus amigos non facían nunca, e ía quince días á praia todos os veráns. Eu creo que de aí ven o meu fanatismo polo cine.

-¿Que tipo de cine lle gusta?

-González Iñárritu. Unha das películas que máis me gustan é 21 gramos. A triloxía da dor, con Amores, perros, 21 gramos e Babel son excepcionais. A min gustábame o tándem Iñárritu/Arriaga. Non facían unha montaxe lineal, xogaban con flashbacks, tiñas que construír os personaxes. Tamén me gusta a fotografía. Tina Modotti, Sebastião Salgado...

-Pasamos á tele. ¿Que lle parecen as tertulias políticas?

-Eu participaba no Faladoiro da Radio Galega. Cando son espazos plurais parécenme enriquecedores e axudan a formar unha opinión, cando son monótonos non contribúen a nada.

-Están moi de moda agora.

-Mediatízase moito a política. Parece que só existen catro forzas con catro homes como líderes. ¿A metade da poboación non ten nada que dicir? Hai que enriquecer o debate. Nas grandes forzas as mulleres son un número. Nas nosas candidaturas tres mulleres encabezamos as listas. Pero hai outras fendas: entre rural e urbano, por exemplo. A despoboación é un reto. Vinculas a túa vida a un proxecto laboral e se non tes esa garantía e servizos públicos non podemos fixar poboación... En Ribeira de Piquín a poboación reduciuse case á metade. Non hai escola nin liña de transporte... Dependes dun taxi. Hai persoas que para ir facer unha proba médica a Lugo pagan máis de 50 euros. As infraestruturas son un desastre. Podes ir a Madrid nun tempo curto, pero ir de Ferrol a Vigo é unha odisea cara. Véndennos outra vez un tren para ir a Madrid en tres horas, ¿e como imos á Coruña?

-¿En Galicia non se pensa nas zonas rurais?

-Trasladouse unha imaxe de que no rural non había futuro. ¿Como ías quedar coa explotación láctea? Os nosos pais dicían: «Ti estuda e vaite». Se crearamos un proxecto a longo prazo para o rural apostando polo coñecemento adquirido poderíamos ter un futuro digno a través de sectores estratéxicos, coma o leite ou a produción de carne de coello. Meu pai é cunicultor.

-Na súa xeración hai un drama dobre, a dos que se van a outro país. ¿Coñece a moitos?

-A maior parte das miñas amizades da carreira ou do mestrado están fóra. Londres, Italia, Marrocos... Unha das rapazas da nosa candidatura de Lugo está en Londres de enfermeira. Os de fóra ven estas eleccións con expectativas de cambio. A min non me vale cambiar o cu da persoa que se senta na Moncloa se o despoboamento vai seguir e se non hai un proxecto de futuro.

-¿Cando se empezou a interesar pola política?

-Cedo. Entrei no instituto con doce anos, cando empezaba a decadencia da última maioría absoluta de Aznar. Había moitas folgas e empezabas a interesarte. O ano seguinte foi o Prestige, que marcou un antes e un despois, sobre todo para as xeracións máis novas. Despois foi o «non á guerra». Tamén axudou a experiencia na miña casa, co meu pai levantándose todos os días a traballar sen entrar un peso na casa. Empezas a preguntarte por que non temos os mesmo servizos que noutros sitios, por que marcha a xente.

-¿Cando se afiliou ao BNG?

-Empecei a militar no BNG con 17 anos convencida de que é o proxecto político que necesita este país, pensado para os nosos problemas.

-Agora é a candidata nun partido que non é dos novos.

-Nunca fun de moita moda. Levo moitos anos no movemento estudantil e no feminista. Agora imos intentar ser o altofalante dos movementos e doutros sectores produtivos deste país.

-¿Como asume o da casta?

-É un reducionismo absoluto, unha consigna fácil de entender no imaxinario colectivo, pero que equipara a todos os que estamos implicadas nun proxecto político cos ladróns de guante branco do PP de do PSOE. Non é certo.

-Coincidiría en certos movementos con xente das mareas.

-Seguramente. Pregúntome onde estaba antes xente que hoxe está nun proxecto político. Algunhas persoas xa estabamos indignadas moito antes do 15M. Hai outra xente que levamos desde os 17 anos facendo política na rúa antes do 15M. Non me parece xusto. Parece que outros inventaron a roda.

-¿Como foi a súa traxectoria académica?

-Marchei a Pontevedra para estudar Publicidade e Relacións Públicas. Fixen en Santiago un mestrado de Relacións Internacionais. Antes de rematar o proxecto de mestrado empecei a traballar de xornalista en Sermos Galiza.

-¿Serve o aprendido para a política?

-Sérveme. Especialiceime en Comunicación política e institucional. Un dos problemas do nacionalismo son as dificultades de facerse entender. Fixen publicidade porque era a única forma de estudar propaganda. Hai unha imaxe deturpada da comunicación persuasiva, hai elementos marabillosos para convencer.

-¿Algún referente?

-Son moi fan da agitprop soviética, a propaganda de axitación. Gústame que se xogue moito coa imaxe de vangarda e co impacto. Non tanto con slogans como coa conexión a través da imaxe.

-¿Como ve a forma de comunicarse dos partidos de hoxe?

-Cambiou coa expansión da tele e as redes sociais. Non soubemos adaptarnos ben. Hai que buscar un modelo combinado. Nós temos unha campaña innovadora, pero eu tamén levo pateando as feiras desde o primeiro día. Nas grandes forzas emerxentes véndese máis un produto que unha idea.

-Algúns falan da desaparición dos partidos vellos.

-O proxecto nacionalista nunca vai desaparecer, outra cousa é que as organizacións se readapten. E non creo que o PSOE desaparece mañá tampouco.