Carme Adán Villamarín: «Quen concilia é o meu compañeiro»

Mariluz Ferreiro REDACCIÓN / LA VOZ

ELECCIONES 2016

M.MORALEJO

Foi unha nena filla de emigrantes, ama a Filosofía e confesa que recurre a Aristóteles cando está baixa

05 dic 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

«¿Casta? Que miren a miña biografía? Todo o que conseguín foi con traballo». Carme Adán Villamarín (Donostia, 1966), candidata por Nós (BNG) en Pontevedra, di que non se sinte unha elite.

-Fago anos en campaña. 16 de decembro fago 49, o último cumpre con catro.

-¿E como se leva iso?

-Xenial. Dá un pouco de vértigo. Xa levo varias amigas que entran na década dos cincuenta. Máis experiencia, coñecemento, a enerxía séguese mantendo. Pero hai unha sensación de que che roubaron o reloxo. Hai un momento estabamos estudando en Santiago e agora está a miña filla maior. Os últimos dez anos pasaron...

-¿Como vai ser a celebración?

-Gustaríame comer cos meus fillos na casa. Cear vai ser imposible porque hai mitins.

-Naceu fóra de Galicia.

-En Donostia. Fun unha nena emigrante. Meus pais casaron con 17 anos e marcharon para Euskadi. Eu son a maior. Miña nai facía limpezas de casas e meu pai traballaba de albanel. Un sábado acompañeino e impresionoume. Ao principio non tiñamos coche e era difícil vir á aldea. Para min, chegabamos a Galiza cando chegabamos á casa da miña avoa, en Lalín. Eu tiña unha vida moi urbana, de centro de cidade, que contrastaba coa que levaba aquí de vacacións, que non o eran realmente porque meus pais axudaban ás dúas avoas, que estaban viúvas. Viñamos de verán e a algún enterro.

-¿Como foi o de volver a Lalín?

-Un pouco complicado. Con trece anos xa tiña os meus grupos. E ao principio sempre dicía que facía moito frío en Lalín. Volvín a empezar coas amizades. Pero gustoume moito o instituto, os profesores, as clases. Gustábanme as Matemáticas e a Filosofía.

-E fixo Filosofía. Unha irmá pobre nos plans de estudos.

-É un erro que pagaremos. A Filosofía fai preguntas sempre, moitas irresolubles. Pero están no interior de todos nós. Nunca me arrepentín de tela estudado. Foi unha formación versátil que me dou ferramentas para expresar, para pensar.

-¿Cales son as súas referencias?

-Na carreira traballamos moito a Michel Foucault. Naquel momento estaba moi de moda o seu pensamento. Influíu moito na miña tese de doutoramento. Tamén traballei intensivamente durante uns anos os filósofos da ciencia: Popper, Kuhn, Feyerabend... Sempre tiven moito interese por como se constrúe o coñecemento científico. Cun amigo que agora é escritor sempre nos rimos das horas que botamos tentando entender a Wittgenstein. Posteriormente influíronme pensadoras como Simone de Beauvoir, Hannah Arendt... Releo a Aristóteles cando estou baixa. Os clásicos obrígannos a pensar. A función da filosofía é espertar a curiosidade, o peor que nos pode ocorrer é non ter curiosidade. Estamos nunha sociedade onde a ética está cada vez máis desprestixiada.

-¿Como era como profesora?

-Moi branda. Habería que repensar toda a educación. Levo varios anos fóra das aulas e agora sei que hai clases masificadas. Cada profesor ten que sacar o mellor que leva dentro o alumno e así é difícil.

-De pequena quería ser...

-Detective privado. Fascinábame Christie Love, a da serie.

-¿Ve series ou cine agora?

-Gústame o cine, pero vou pouco. Non é fácil. Teño tres fillos, a maior ten 18 anos, pero os outros son pequenos. Cando estou moi cansada vexo series. Son de Anatomía de Grey e das series da TVG tamén. A Esmorga foi a última película que vin. Hai escenas que son como aterrar outra vez na aldea desde Euskadi, moi impactantes. O cine galego ten futuro.

-Vostede colle a bandeira da igualdade. ¿Como é iso na casa?

-A miña casa é atípica. Quen concilia é o meu compañeiro. Non podería ser deputada no Hórreo ou candidata ao Congreso con tres fillos se non fora así. Son a excepción. Para as mulleres hai un teito de cristal. No xornalismo, na política... Hai ese bipartidismo a catro onde vexo só señores.

-¿Cando decidiu dar vostede o salto á política?

-No 93, no día das eleccións xerais nas que se presentaban Encarna Otero e Paco Rodríguez. Durante un debate ceando comida mexicana. Ao día seguinte achegueime á sede do BNG en Vigo, pedín a folla de filiación e despois afilieime. No 2005 propúxoseme para ser cabeza de lista de Pontevedra e foi como tirarse á piscina sen manguitos. Empezamos a rodar, con acertos e erros... A vida mesma.

-¿Como foi a experiencia de Goberno na Xunta?

-Temos que reivindicar o Goberno bipartito. Buscaba o mellor para Galiza. Servizos sociais, as Galescolas, o banco de terras, o decreto do ensino en galego, o decreto eólico... Había un impulso por facer cousas. Non teño problema en defendelo e en recoñecer erros. Tivemos pouco tempo para cambiar o sistema do fraguismo. Galicia sería distinta se se mantivera o bipartido outra lexislatura.

De todo un pouco

-Unha materia escolar que se lle atascara.

-A Lingua, tanto a galega coma a española. Dábaseme fatal a sintaxe. As matemáticas, mellor.

-Un político que non sexa do seu partido.

-Nelson Mandela. Acabo de ler a súa biografía.

-Unha viaxe pendente.

-Quedoume pena de ir a Bolivia e non pasar a Perú para ver o Machu Picchu.