Nestas eleccións, nas que aparecen novos actores que aspiran a non parecerse ós vellos, coido que estes deberían ter en conta que, ademais de realizar prantexamentos ideolóxicos distintos, é esencial ir máis alá do voto, deixar de pensar nas eleccións como a quintaesencia do réxime democrático e empezar a apostar de verdade por unha democracia non só representativa senón tamén participativa.
Na pesca sabemos moi ben o que significa subtraernos ó sector a nosa lexítima e necesaria participación nas decisións que nos afectan; somos gobernados por unha Comisión de Pesca, con sede en Bruxelas, con nula lexitimidade democrática, totalmente irresponsable politicamente e, agás honrosas excepcións, cuns funcionarios europeos que cren estar unxidos co don do acerto nas súas iniciativas e decisións, e que realizan tropelías e pifias como tentar prohibir o arte do xeito.
¿E que podemos esperar dos nosos concellos? Pois que, dende a proximidade desta Administración, e a súa indiscutible e pouco ponderada forza política, se poñan en disposición de apoiar os sectores que vertebran económica, social e culturalmente unha porcentaxe importante da súa poboación.
Torcuato Teixeira é Secretario xeral de PescaGalicia