Rafael Cuíña Aparicio: «A miña intención é servir aos lalinenses e volver ser empresario»
ELECCIONES 2016
Rafael Cuíña, candidato de CxL e próximo alcalde de Lalín, márcase un máximo de oito anos en política, con medidas para protexer aos máis desfavorecidos e a transparencia como eixos do seu goberno
27 may 2015 . Actualizado a las 05:00 h.Encabezando a candidatura de Compromiso por Lalín, no seu primeiro intento logrará cambiar o azul do PP no Concello da capital dezá polo verde de CxG. Rafael Cuíña (Lalín, 1972) logrou seis concelleiros e un apoio do 25 %, que provocou a perda da maioría absoluta de José Crespo.
-Un resultado sorprendente.
-Eu levo tempo dicindo que confluían factores a favor da nosa candidatura, e que íamos ter un gran resultado e entrar con moita forza no Concello. Os meus cálculos estaban nos 3.000 votos, e tivemos 3.020, o que demostra un pouco o coñecemento que podo ter de Lalín; pero sinceramente, cría que o PP ía quedar entre 11 e 12 concelleiros, e non baixar a 10. Polo tanto, sorpresa relativa.
-Co apoio para a investidura de PSOE, BNG e a agrupación de electores APAC, ¿como ve a formación do goberno?
-O acordo da investidura douno por feito, hoxe [por onte] seguín coas conversas con dirixentes das distintas formacións, e para o acordo de goberno reunirémonos mañá co PSOE, pero douno por feito tamén; APAC ten toda a intención de entrar segundo falei coa súa líder, aínda que o teñen que decidir asambleariamente. O BNG ten os seus tempos: convidados están.
-¿Cales serán as súas primeiras medidas?
-Unha auditoría para que os veciños de Lalín saiban exactamente en qué condicións entramos, de facelo, no goberno local. Quero máxima transparencia, que os lalinenses saiban de onde vén e a onde vai cada céntimo. E un paquete de medidas sociais, que terei que falar co meu socio ou socios. Pero xa dixen que a primeira cuestión é garantir a luz e o gas para familias en exclusión.
-¿Pesará a figura de seu pai á hora de exercer a alcaldía?
-Claro que pesa. Eu toda esta campaña, sobre todo no ámbito rural, estiven escoitando todos os días a admiración de moitísimos cidadáns pola obra de meu pai en Lalín. Sempre dixen que me gustaba facer un tipo de política moi semellante á que aprendín na miña casa, de cercanía, mirarlle aos veciños aos ollos, estar enriba dos problemas, pisar parroquia por parroquia, e penso seguir facendo ese tipo de cousas.
-¿Qué opina da herdanza que lle queda de Crespo?
-Eu creo que foi un moi bo alcalde durante moito tempo, que perdeu a noción da realidade nos últimos anos. Quero ser xeneroso na súa derrota, entre aspas porque foi a lista máis votada, pero creo que era necesario este cambio.
-¿Lalín pode ser unha estación de paso cara outras institucións?
-Non é a miña intención, eu levo dicindo que vou estar oito anos en política. A miña intención de verdade é servir aos veciños de Lalín e volver ser empresario. Insisto moito porque é un concepto de política que teño eu. ¿En oito anos intentar adicarme a outros cargos? É política-ficción, non toca.
-¿Como ve o panorama político galego despois do 24M?
-É unha situación nova, complexa e hai que tomala con tranquilidade. Penso que o PP sobre todo, e o PSOE, merecían este castigo das políticas tradicionais, que o fin do bipartidismo é necesario. Eu non sei ata cando vai durar, non creo que a sociedade galega estea preparada para unha italianización.