Néstor Rego: «Imos ser moi firmes na defensa dos intereses do noso país»

ELECCIONES 2020

SANDRA ALONSO

O BNG volve ao Congreso da man do cabeza de lista pola Coruña: «Galicia volve ter voz propia»

11 nov 2019 . Actualizado a las 22:15 h.

Despois de perder a representación en Madrid no 2015, o Bloque Nacionalista Galego (BNG) volve ao Congreso da man de Néstor Rego (O Vicedo, 1962), o cabeza de lista da formación pola Coruña.

-Que valoración fai máis en frío do acontecido onte?

-Cumprimos o obxectivo principal, que era o máis importante, porque significa que Galicia volve ter unha voz propia, libre e soberana, que non se somete ás directrices de ningunha dirección de fóra. Imos ser moi firmes na defensa dos intereses do noso país. Pero agora a nosa satisfacción é dobre.

-Por?

-Como xa dixemos, o feito de que entraramos nós supuxo frear a ultradereita no noso país. E Galicia, Euskadi e La Rioja son os únicos sitios onde Vox non obtén representación.

-Por que está o BNG a ter máis apoio social?

-Nós mantivemos a coherencia política en momentos moi difíciles, e tamén o compromiso con este país. Somos unha organización seria e unida, e que fai o que di. E, sobre todo, aconteceu que houbo milleiros de persoas que chegaron á mesma conclusión ca nós: que non podiamos seguir confiando nas forzas estatais, as que só aparecen en campaña ou non cumpren o prometido, ou mesmo cando votan directamente en contra dos nosos intereses, como sucedeu con PSOE e Podemos nos últimos Presupostos Xerais do Estado.

-Ábrese un escenario moi complexo no conxunto do Estado. Que vai facer o Bloque co seu escano?

-Loxicamente hai forzas que agora teñen unha responsabilidade fundamental, e que xa a tiveron e desaproveitaron de maneira irresponsable, mesmo abríndolle oportunidades á ultradereita españolista. Hai un escenario moito máis complexo, e no que dependa do Bloque nós imos colocar sobre a mesa a necesidade de que calquera acordo de goberno que sirva para frear a dereita ten que pasar por unha axenda galega. Unha axenda social e democrática galega.

-E iso concrétase en?

-Na defensa dos intereses do país, a defensa de políticas sociais e a defensa da democracia nun momento de evidente involución e retroceso. No noso país temos, infelizmente, unha situación case dramática de crise económica e industrial, e gravísimos problemas de emigración e demográficos. Por tanto, eses van ser os elementos que imos colocar sobre a mesa.

-O Grupo Mixto vai estar moi fragmentado. Que van facer se non hai Goberno de progreso?

-Se as cousas van por outro lado, a nós, loxicamente, terannos enfronte. Pero imos seguir mantendo esa posición de coherencia e de defensa dos intereses de Galicia. Nós asumimos o compromiso de ser a voz do noso país no Congreso. E con humildade, traballo e responsabilidade imos cumprir esa promesa. Imos empezar unha rolda de contactos con entidades, colectivos e asociacións para ir definindo as prioridades desa axenda galega, máis alá das propostas que xa temos nós. Se é posible que esa axenda en parte ou en todo tome forma a través dun acordo de investidura ou orzamental, pois perfecto. E, se non é así, imos seguir defendendo todo iso con todas as consecuencias, porque ese é o noso compromiso.