Antón Gómez-Reino: «Se Sánchez pacta co PP, será o principio do fin do PSOE»

O candidato de Galicia en Común por A Coruña confía en acadar un fito que cre histórico: «Acabar co bipartidismo en Lugo e Ourense»


Redacción / La Voz

O macuto de Antón Gómez-Reino está listo para unha nova campaña, se ben desta volta leva tamén dentro a ilusión de que as enquisas auguran bos resultados para Galicia en Común, a marca galega de Podemos.

-As enquisas non van mal, confían en mellorar os resultados do 28A?

-Non, non van mal, e a verdade é que nós sempre somos especialmente precavidos e sabemos que hai unha bolsa moi importante de xente que aínda non decidiu que votar, pero as enquisas indican que o noso espazo político en Galicia está consolidado e estamos na posibilidade de acadar a segunda deputada por A Coruña e a segunda por Pontevedra e, sobre todo, algo que é moi importante para nós e que só se conseguiu unha vez na historia, que é volver a romper o bipartidismo na provincia de Lugo e na provincia de Ourense. Creo que sería moi positivo.

-É a segunda vez que se enfronta con Carolina Bescansa, antes pola secretaría xeral de Podemos Galicia.

-Os que teñen que dirimir iso son os cidadáns. Carolina ten todo o meu respecto e ten a máxima lexitimidade de presentarse ás eleccións, aínda que si é un pouco singular, cando menos, que te presentes para liderar un proxecto político e aos poucos meses te presentes contra el.

-Que impresión lle quedou desta curta lexislatura?

-Creo que parecida á do conxunto da cidadanía, a impresión de que, lamentablemente, o bipartidismo e unha parte moi importante dos políticos non entenderon que se acabou o tempo das grandes maiorías e que o Congreso e o Senado se parecen, como se tiñan que parecer, á sociedade española. A sociedade española sabe chegar a acordos entre diferentes e os políticos tamén temos que saber chegar a eses acordos, e creo, como a maioría da sociedade española, que o responsable fundamental desta irresponsabilidade histórica, que é levarnos de novo a unhas eleccións, é Pedro Sánchez. E tamén me queda a sensación de que na sociedade civil percíbese que é imprescindible xa que haxa un goberno, ao noso entender de esquerdas, pero un goberno que aprobe os orzamentos e dea estabilidade ao país, algo que é fundamental.

-Como interpreta que Pedro Sánchez dixera que non podía chegar a un acordo con Podemos porque non sería un goberno estable?

-Habería que lembrar que nós ata lle ofrecemos un programa de goberno e estabilidade co compromiso de aprobar uns orzamentos. A pesar da nosa flexibilidade, aínda así Pedro Sánchez non quixo ese acordo. Todos lembramos cando nun programa de televisión dixo que, hai anos, non chegara a un acordo con Unidas Podemos porque no Partido Socialista, cando as cousas se poñen serias, quen manda é o Ibex 35. Non é que o diga Podemos, é que o recoñeceu o propio Sánchez, que as cosuas no Partido Socialista están mediatizadas polos grandes poderes económicos. Despois do 10N, hai que ver cal é o equilibrio, pero nós imos seguir traballando por un goberno de esquerdas, e entre esa diatriba que vai ter Pedro Sánchez, entre gobernar co PP ou facer un goberno de esquerdas con Unidas Podemos, se finalmente optara por gobernar co PP, o que faría sería traizoar non só aos seus votantes, senón tamén aos militantes e a moita xente no PSOE que non entendería ese pacto. Un pacto polo que, sen embargo, as élites do propio partido e as élites económicas están traballando.

-En que momento rachou ese acordo?

-Eu creo que de tan inverisímil que era pensar na irresponsabilidade de que íamos a outras eleccións, moitos pensamos que ía haber acordo. Eu, persoalmente, decateime no pleno de investidura o segundo día de debate cando Pablo Iglesias, despois de ter cedido ata o nivel de apartarse a si mesmo, decidiu aceptar a proposta que estaba enriba da mesa, coa cuestión particular das políticas de emprego, e nese momento no que incluso chegamos a pedir un receso para ver se había posibilidade de que o Partido Socialista pensara e repensara sobre a súa propia proposta, o xesto de Pedro Sánchez dicíndolle á presidenta do Congreso que non quería un receso foi o que o delatou e nos decatamos de que Sánchez estaba a facerlle caso a quen lle dicía que unhas novas eleccións ía ser bo para el e para o seu partido. Nós, pola contra, pensamos que o pobo votou, e votou ben.

-Aproveitouse Sánchez de Podemos para aprobar a moción de censura?

-E digo máis, creo que Pedro Sánchez e o PSOE non crían nesa moción de censura nin tiñan ganas de que saíra adianta. Quen traballou esa moción de censura foi Pablo Iglesias, non foi Pedro Sánchez; quen falou co PNV, quen falou co PdeCat, quen falou cos diferentes partidos que fixeron a maioría que acadou o que demandaba un montón de xente dende a sentenza de corrupción do PP foi Pablo Iglesias. Sánchez atopouse co traballo feito e cun goberno que lle entregamos, creo que con xenerosidade e sen condicións. Hai que lembrar que o PSOE levaba meses dicindo que non daban os números e, un ano antes, nós presentáramos unha moción de censura que o PSOE non apoiara.

-Arrepíntese Unidas Podemos?

-En absoluto, como imos arrepentirnos! Non estamos nas institucións nin na política por intereses de partido, estamos para trasladar o que é a demanda da maioría dos cidadáns de esquerdas. O día que conseguimos sacar a Mariano Rajoy do Goberno, a maioría dos demócratas e progresistas de Galicia e de España sentíronse aliviados. O problema é que, a partir de aí, troncouse esa esperanza.

-Como ve a situación en Cataluña?

-O que fai falla en Cataluña é o que sempre dixemos: diálogo, diálogo e diálogo.

-Pero como se dialoga con quen non quere?

-Quen non quere collerlle o teléfono ao presidente da Generalitat é Pedro Sánchez. Aínda que ti non esteas de acordo cun representante institucional, creo que o mínimo é collerlle o teléfono. Ten que acabar o tempo da xudicialización e ten que empezar o tempo da política, creo que aos políticos nos poñen nas institucións para resolver os problemas, polo tanto a situación de Cataluña se ten que resolver pola vía política e abrindo a cuestión catalana ao diálogo, que é a única forma de solventar os problemas.

-Eles supeditan o diálogo á independencia.

-Hai dirixentes nacionalistas, independentistas ou soberanistas aos que se lles escoita dicir que rematou o ciclo unilateral. É o que escoito de dirixentes de ERC como Tardá. A partir de aí, ten que haber un tempo para solucións políticas.

-Esnaquizou Podemos as mareas galegas?

-O espazo do cambio en Galicia nas municipais non obtivo o seu mellor resultado, pero creo que nas xerais tivemos un bo resultado e estou convencido de que o 10N tamén o teremos.

-O resultado do 28A non foi das mareas.

-Foi de Podemos, EU e Equo. As formas nas que se presenta o espazo galego as eleccións é diversa. Creo que o espazo do cambio, máis alá das fórmulas, continúa estando representado nos ámbitos institucionais e creo que o 10N, este espazo que representa a Galicia en Común e a Podemos vai ter un bo resultado. A partir de aí hai que continuar sumando autores e construindo e tecendo alianzas porque é fundamental que, se sae unha maioría progresista en Galicia, a responsabilidade histórica que temos é construír a mellor ferramenta, non só para gañar a Feijoo nas autonómicas, senón para acabar coas políticas de Feijoo e do PP na Xunta.

-Vese de candidato á Xunta?

-Véxome como deputado o 11N, e véxome cunha responsabilidade moi importante. Creo, de verdade, que estamos máis cerca que nunca de que Galicia estea no Goberno do Estado e esa é a tarefa e o compromiso que adquiro presentándome as eleccións.

-Vamos a unhas terceiras eleccións?

-Estou convencido de que non, creo que vai haber goberno e que ese goberno ten que ser de esquerdas. Se PSOE chega a unha coalición de goberno co PP, ese será o principio do fin do PSOE, creo que non cometerán esa irresponsabilidade histórica, e creo que igual que as bases lle dixeron a Sánchez que con Rivera non, espero que lle digan tamén que con Casado non.

EL PERFIL | Todo o que lle cabe no macuto

Leva nas costas o seu apelido de boa familia, malia que no seu currículo no Congreso figura como traballador en precario, mozo de almacén, repartidor de publicidade... «E moito máis —matiza— tiven unha produtora, unha tenda de roupa, unha cooperativa...». Hai anos que exerce de montañeiro, de pai e de activista. Un día, nun partido do Dépor, coñeceu a Xulio Ferreiro, e o activismo converteuse en militancia.

12 PREGUNTAS PARA O CANDIDATO

1. Cantas horas dorme?

Poucas, arredor de 6.

2. Que almorza?

Leite fresco co que haxa onde estea.

3. Ten TV de pago?

Non.

4. Cal é a súa serie favorita?

Prefiro o cine. Fun ver O que arde, de Oliver Laxe. Gustoume moito.

5. Que libro está a ler?

Moitos. Agora, La Patagonia rebelde e El duque de los Abruzos.

6. Ten seguro médico privado?

Non.

7. Vivenda propia ou de aluguer?

Do banco, cunha hipoteca a 20 anos.

8. Que móbil usa?

Un iPhone do traballo.

9. Café, cañas ou viño?

Cañas, viño e leite.

10. Que coche ten?

Un herdado do meu pai, un Seat que comparto coa miña irmá.

11. Cando foi a última vez que usou o transporte público?

Esta semana pasada, collín o tren entre Santiago e A Coruña.

12. ¿Practica algún deporte?

Na montaña e no mar, cando podo. Bañeime onte [martes] ás 8.30 na cala de San Roque.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

Antón Gómez-Reino: «Se Sánchez pacta co PP, será o principio do fin do PSOE»