José Crespo, candidato do PP en Lalín: «Fraga convidoume a que fose conselleiro de agricultura, pero eu rexeitei a oferta»

Pablo Carballo
Pablo Carballo LALÍN / LA VOZ

ELECCIONES 28M

Pablo Carballo / Álex López-Benito

«Gustaríame escribir o libro da miña vida: "Memorias dun alcalde labrego"»

25 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Leva media vida co bastón de mando do consistorio. José Crespo Iglesias (Lalín, 1959) conseguiuno por primeira vez no ano 1990, cando José Cuíña lle deu o relevo para ir á Xunta. Desde entón, Crespo só cedeu un mandato, o que gobernou precisamente o fillo de Cuíña. Agora aspira a reeditar a súa maioría absoluta.

—Vostede case pode dicir que a súa profesión foi a de alcalde de Lalín.

—Eu vin do mundo agrario. O meu soño era facer coas vacas o que facía Coren cos porcos e as galiñas. Cando tiña vinte e pico anos, fundei unha cooperativa, Aprodeza, e o que quería era unir todas as da comarca. Estaba nese proceso cando Pepe Cuíña me pediu que fose con el na lista. Dous anos despois, aparecín de alcalde. Eu non contaba entrar en política, iso seguro. Nin me interesara por ela. Cando me presentei a primeira vez, a xente pensaba: onde irá este rapaz da aldea?

—Sería vostede entón máis de boina que de birrete.

—Sen dúbida. Aínda que me levaba ben con todo o mundo.

—Os catro anos que deixou de ser alcalde deulle relevo precisamente o fillo de José Cuíña.

—Avatares do destino. Faltáronme un puñado de votos e fun á oposición. Perdín sen contar perder. Comenteille a Feijoo, como dicimos por aquí: «A min non me come a terra se non volvo ser alcalde de Lalín». Descabalgáronme despois de 25 anos, e volver subir ao cabalo non era unha tarefa fácil. Moita xente non me vía capaz. Eu creo que nin o crían os meus, pero eu si.

—Pensou en dar un paso ao lado?

—Iso sería o fácil. Cando saín da alcaldía, fun ao Senado. Necesitaba tamén cambiar un pouco de aires. Pero marchaba de alí e viña escopeteado para Lalín porque o meu obxectivo era outro. Eu o que quería era recuperar a alcaldía. Lalín é coma un fillo para min. E iso que na miña vida política tiven ofertas para ir a cargos en teoría superiores, moi superiores.

—Por exemplo?

—Non sei se debería dicilo, non quero que soe como non é, como unha sobrada. Pero convidáronme a ser conselleiro en tempos de Manuel Fraga. Tiña que deixar a alcaldía e non quixen, díxenlle que non. Rexeitei a oferta.

—Conselleiro de que?

—De Agricultura. Eu crecera entre vacas, pero non quixen deixar Lalín. Cando Fraga chamou coa proposta, ademais de alcalde e de vicepresidente da deputación, estaba na Fegamp. Eu, realmente, son un municipalista convencido.

«En Galicia non debería haber máis de sesenta concellos, un de mil habitantes non pode nin pagar ao secretario. O problema vén cando queres reducir alcaldes»

—Cando aínda se debatía a fusión de Oza e Cesuras, vostede formulou unha na súa comarca.

—Pero doutra maneira. Eu quería unha fusión efectiva, como a que fixo Dinamarca ou o Reino Unido. É un cachondeo que haxa os miles de concellos que hai en España. En Galicia somos 313 e non é que sobremos a metade, sobramos máis da metade. Fixemos un estudo coa Universidade de Santiagosobre a viabilidade da fusión. A nosa comarca, que somos seis concellos, convertiámolo nun só: Deza. Cando saíu á luz pública, os alcaldes veciños botábanseme á xugular. Parecía que os quería absorber. Tiven que dicirlles que non, que no momento que firmáramos eu deixaba que se puxera outro.

—Había un problema de cargos.

—O problema era que sobrabamos moitos alcaldes. Pero un concello para que sexa solvente, social, económica e politicamente, ten que ter un mínimo de dez mil habitantes. Non pode haber concellos con mil. Non teñen cartos nin para pagarlle o secretario. A Administración municipal é a máis vilipendiada. Todo o mundo lexisla para ela, sen tela en conta. Somos a última carta da baralla. O que non queren o resto das Administracións vén para nós e non temos recursos. As comarcas tiñan case que ser concellos. Que pasa? Que sobran as deputacións. Ese foi outro fracaso do estado das autonomías, non cargarse as deputacións. En Lalín, somos de onde nos dá a gana. Eclesiasticamente, do bispado de Lugo. Administrativamente, pertencemos a Pontevedra. E facemos a vida con Santiago. Somos as terras do medio, e non temos unha gran vila preto. Por iso necesitamos ter de todo ou a xente marcha.

—Cantos concellos tería que ter Galicia para que fosen solventes?

—50, ou 60 como moito.

José Crespo conta que descubriu o ioga cando fixo os 60 anos, disciplina que dende entón practica dúas veces á semana
José Crespo conta que descubriu o ioga cando fixo os 60 anos, disciplina que dende entón practica dúas veces á semana Adrián Freiría

—Que lle gusta facer cando non exerce como alcalde?

—Experimentar. A música, incluso a alternativa. Viaxar, aínda que non o fago moito. Andar en bicicleta de montaña. Tamén son moteiro. Pero non teño moito tempo para ir cos amigos. Teño unha moto de 29 ou 30 anos e debe ter 20.000 quilómetros. Meteríallos nun mes. Tamén, con 60 anos, descubrín o ioga. Vou dous días á semana e podo asegurar que son os días que mellor durmo. Desfruto tamén comendo e facendo sendeirismo.

—Que lle gustaría facer no futuro fóra da vida política?

—Gustaríame escribir un libro da miña vida. Teño bastantes anécdotas. Non sei se poderei facelo, pero o título xa o teño: Memorias dun alcalde labrego, parafraseando a Neira Vilas.

Recibe cada tarde en tu correo la newsletter Elecciones 28M con el resumen diario de la campaña en Galicia. Si todavía no eres suscriptor, suscríbete por solo 2€/mes.