O PP medra en case todas as cidades co primeiro terzo de campaña superado

Manuel Varela Fariña
Manuel Varela REDACCIÓN / LA VOZ

ELECCIONES 28M

Suman catro novos concelleiros e son primeira forza en cinco urbes

17 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

A campaña das eleccións municipais supera xa o primeiro terzo cos candidatos populares sumando novos apoios. A nova entrega do seguimento diario de Sondaxe para La Voz de Galicia recolle un crecemento do PP en todas as cidades agás Vigo, onde resta unha décima malia non supor ningunha mudanza na composición do pleno, no que Abel Caballero mantén unha ampla vantaxe con vinte concelleiros fronte aos catro que acada Marta Fernández Tapias.

Ese tirón dos populares, que serían primeira marca en cinco das sete urbes, é especialmente importante en Santiago, o que lle permite sumar un novo edil a Borja Verea, dous máis dos que tiña antonte. Chega así aos once, aínda lonxe dos trece que lle outorgarían a maioría absoluta.

Quen semella asentarse nela é José Manuel Rey en Ferrol. O candidato do PP é o único en Galicia, xunto ao socialista Abel Caballero, en disposición de gobernar en solitario. Na entrega de hoxe suma un punto máis e supera xa o 48 % de estimación de voto. Coa tendencia actual, Rey Varela apunta a un décimo cuarto concelleiro, dous por enriba do limiar da maioría absoluta.

Cara ela tende en Lugo a tamén popular Elena Candia. Polo de agora conserva os doce concelleiros que xa tiña onte, pero incrementa a súa vantaxe a un punto. A alcaldesa e candidata do PSdeG, Lara Méndez, aínda non foi quen de alterar a tendencia actual, e mesmo resta apoios respecto a onte, cunha estimación de voto do 26 % e sete concelleiros. O BNG, co tenente de alcalde Rubén Arroxo repetindo como cabeza de cartel, experimenta unha lixeira mellora, pero mantense nos cinco edís. Porén, as contas actuais non permiten unha reedición do bipartito. Ciudadanos conserva un representante, que sería clave para a futura gobernabilidade da cidade.

Na Coruña hai unha situación de empate técnico á fronte, se ben o incremento do PP permitiu ao seu candidato, Miguel Lorenzo, sumar un novo concelleiro que resta á alcaldesa Inés Rey, e ser primeira forza. O certo é que a candidatura socialista tamén mellora, pero non o suficiente para reter o escano que absorben os populares. O BNG, con catro edís, e Marea Atlántica, con dous, pechan unha corporación na que o resto de forzas mantéñense lonxe do 5 % que lles permitiría entrar en María Pita. A abstención na urbe coruñesa é unha das máis elevadas, preto de catro de cada dez electores.

Esa porcentaxe alcánzase en Pontevedra, cidade na que o PP tamén medra á conta do PSdeG, que queda con catro concelleiros. Suben os populares en máis dun punto, e cos seus dez concelleiros achéganse aos once do nacionalista Miguel Anxo Fernández Lores, este cunha estimación de voto asentada no 40 %. A cidade do Lérez é a única galega onde só terían cabida tres partidos no pleno, segundo Sondaxe.

Verea sube en Santiago

En Santiago ábrese un novo escenario co crecemento do PP. A candidatura de Borja Verea medra catro puntos en estimación de voto dende o comezo deste seguimento diario de Sondaxe, e xa se sitúa por riba do 39 %. Isto lle permite ter un novo concelleiro, dous máis dos que tiña este sábado; e tres de se comparar co resultado que obtiveron os populares hai catro anos. O BNG experimenta unha baixada importante, pasando do 19,1 % dos votos ao 16,9, o que se traduce na perda dun concelleiro. Os nacionalistas fican agora con catro, mentres o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, conserva sete e eleva lixeiramente os seus apoios, pasando do 27,4 % ao 28,2. Compostela Aberta sería a cuarta forza.

A suba do candidato popular ciméntase na ampla fidelidade de voto na cidade, xa que máis do 82 % dos electores que apostaron polo PP hai catro anos volverían facelo o 28M.

Jácome evidencia os primeiros signos de desgaste e perde un concelleiro, que suma Cabezas

As entrevistas da enquisa de Sondaxe elaboráronse entre os días 12 e 15 de maio, momento no que PP, PSOE e BNG denunciaron ante a Fiscalía as presuntas irregularidades cometidas polo alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, nunha serie de audios difundidos ao longo da última semana. a candidatura de Democracia Ourensana apenas notou alteracións nestes últimos tres días na enquisa, pero o lixeiro descenso de apoios que experimentara onte pasou hoxe a unha caída maior, que o sitúa por debaixo do 22?% dos votos e faille perder un escano, que gaña o candidato popular, Manuel Cabezas.

A vantaxe sobre o socialista, e tamén exalcalde de Ourense, Paco Rodríguez, é de un punto é medio. A situación entre os dous partidos garda similitudes coa de A Coruña, onde PP e PSdeG manteñen un empate técnico no que calquera mínima modificación na estimación de voto fai gañar ou perder un concelleiro. Neste momentos, o equilibrio de forozas é de oito representantes para os socialistas e nove para populares.

Mentres, o BNG amosa unha tendencia á alza, con catro representantes.

Recibe cada tarde no teu correo a newsletter Elecciones 28M co adianto en exclusiva da enquisa de Sondaxe para La Voz e o resumo diario da campaña en Galicia. Se aínda non es subscriptor, subscríbete por só 2€/mes.