Ensinar tamén a dubidar

Guadalupe Vázquez Formoso LABIRINTO NAS SOMBRAS

EDUCACIÓN

El genetista Ángel Carracedo, con alumnos del CPI As Revoltas hace unos días
El genetista Ángel Carracedo, con alumnos del CPI As Revoltas hace unos días ANA GARCÍA

Co gallo do Día Internacional da Educación, convido a reflexionar sobre o poder do saber, si, pero tamén sobre a importancia de saber cuestionalo

23 ene 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

«Ti entendes o que dis?» Esa é unha das preguntas máis fabulosas que me teñen feito nos vinte anos que levo exercendo a docencia de inglés. Esta concretamente formulárama un neno de cinco anos. E que lóxico o razoamento que conleva! Tan sinxelo e dedutivo como «eu non entendo o que dis; por tanto, pregúntome se é posible que alguén, incluída ti mesma, Lupe, entendas o que dis». Magnífico! Dicía Ortega y Gasset: «Sempre que ensines, ensina tamén a dubidar do que ensinas». E paréceme unha frase valiosa que cómpre lembrar agora en xaneiro, cando se celebra —o 24— o Día Internacional da Educación. Este día invítanos a reflexionar sobre o poder do saber, si, pero tamén sobre a importancia de saber cuestionalo.

Ensinar nunca debería ser un acto de transmitir verdades absolutas, senón de abrir a porta a que cada alumno chegue ás súas conclusións. A educación é a semente que nutre toda sociedade libre, democrática e sa. Ben o sabemos despois dos réximes autoritarios que teñen existido ao longo da historia, que prohibiron a educación para manter á poboación na escravitude da ignorancia, ou que a utilizaron para adoutrinar. A figura dun bo mestre é fundamental, e ser bo mestre é formar mentes que pensan. É respectar a diversidade e empoderar a cada persoa. É ser imparcial, e isto non significa que os docentes sexamos robots emocionalmente neutros, mais si que debemos xestionarnos e non deixarnos levar polas nosas ideoloxías persoais. É unha responsabilidade coa construción dun mundo máis xusto. E é, ante todo, un acto de amor, como o evidenciou a resposta á pregunta daquel neno, que me saiu directa do corazón. Achegueime a el, deille un bico na meixela e dixen: «Of course I do. Claro que si. That's a great question!»