Mirar para outro lado

Celso Currás EXCONSELLEIRO DE EDUCACIÓN

EDUCACIÓN

19 abr 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Ovello dito de que a escola vai por un lado e a vida por outro, é hoxe máis certo que nunca. O sistema educativo non é capaz de adaptarse as demandas da sociedade do século XXI, pois as Administracións teñen que dedicar a maior parte do tempo a desenvolver a última lei orgánica, nun proceso interminable que desanima ata aos profesionais máis motivados. Aínda non acabou de entrar en vigor a anterior reforma e xa hai que elaborar novos currículos, horarios, plans ? Pero estas variables non son transcendentais para mellorar os resultados e cambiar unha maneira de ensinar e aprender ancorada nos pasados séculos. Pola contra, o excesivo número de materias, a complexidade dos programas oficiais ou a rixidez dos horarios, son un freo a unha boa formación básica, á motivación do alumno para aprender e a calquera proceso de innovación na escola.

Non estraña, polo tanto, o aumento de iniciativas que buscan un xiro copernicano no enfoque do traballo na aula e no centro . É o caso, por exemplo, da aprendizaxe baseada en problemas ou da escola intelixente de Perkins. Destaca Cataluña onde xa é ben coñecida a experiencia do colexio Monserrat, que leva á práctica a teoría das intelixencias múltiples de Gardner. Máis recentemente diversos centros dos xesuítas e mesmo nun público, o Institut Quatre Cantons, están a aplicar o traballo por proxectos, método que non é novo, pois foi creado por Kilpatrick a principios do pasado século, aínda que non conseguiu xeneralizarse como alternativa metodolóxica.

Nestas experiencias desaparecen as clásicas aulas, clases maxistrais, libros de texto, exames tradicionais ou horarios ríxidos. Por unha parte preténdese corrixir fracasos tradicionais como as titorías, a coordinación entre primaria e secundaria ou o abandono escolar temperá. Por outra, achegar a escola á sociedade da información e da comunicación.

¿Vai estar nalgunha desas innovacións o cambio que necesitamos como sociedade? É pronto para sabelo, pero poden ser un bo laboratorio de probas. A pregunta clave é ¿cómo se adecúa o día a día destas experiencias á normativa en vigor? E fundamental conseguir, en primeiro lugar, que os inspectores de educación miren para outro lado.

* Celso Currás é exconselleiro de Educación