A Universidade apúntase ás iniciativas de verán para conciliar a vida familia e a laboral no campus lucense
04 jun 2009 . Actualizado a las 02:00 h.Cando a maioría dos estudantes están disfrutando das vacacións, no ensino superior aínda quedan semanas de traballo, que na maior parte dos casos limítanse a agosto. Despois de darlle voltas ao asunto e de escoitar a opinió da comunidade educativa, a Vicerreitoría de Cultura ideou unha maneira de tratar de conciliar a vida laboral e a familiar. Foi así como decidiu encargarlle á Fundación USC Deportiva os campamentos de verán. Como recoñecen os promotores desta, «o programa Verán CampUSC 2009 está concibido como unha actividade de carácter deportivo, cultural, socioeducativo e de lecer, desenvolta no período de verán, que permita a pais e nais traballadores desta universidade conciliar a vida laboral e familiar, e a estes e outros interesados participar nos cursos de verán da USC».
De tres a doce anos
Este innovador programa está dirixido a nenos e nenas de entre tres e doce anos de idade, fillos de traballadores da USC, asistentes a cursos de verán, traballadores da Fundación USC Deportiva, e subsidiariamente ao público en xeral. As quendas previstas para o desenvolvemento dos campamentos son do 23 ao 30 de xuño, do 1 ao 15 e do 16 ao 31 de xullo e do 1 ao 10 de setembro. O programa terá horario de mañá e tarde no campus de Santiago e só de mañá no de Lugo. En canto ao lugar de celebración, as actividades desenvolveranse nos campus de Santiago e de Lugo nas súas instalacións específicas ou noutras conveniadas que se concretarán unha vez se organicen os grupos.
A organización quere deixar claro que este campus de verán desenvolverase sempre que haxa unha demanda suficiente de participantes que poida garantir o éxito da actividade tanto en termos económicos como deportivo-educativos e de lecer. As cotas que se estableceron en 50 euros por quenda ou 15 por día solto.
No caso do campus de Lugo, as prazas ofertadas son 40. De acordo coas bases do programa, cada neno participará en tres actividades deportivas diferentes á semana, axeitadas a súa idade e desenvolvemento psicomotor. Servirán para iniciar aos cativos en eidos deportivos diferentes, desde unha perspectiva lúdica e de xogo.
Os nenos distribuiranse en catro grupos, dependendo da idade: tres a catro anos, cinco a seis, sete a nove e dez a doce. En canto ás actividades inclúen: psicomotricidade, iniciación ás artes marciais e tamén aos aos xogos de estratexia, coma o xadrez, para os máis pequenos, e xadrez, artes marciais e xogos populares para os que son un pouquiño máis grandes.
A esta lista de actividades deportivas hai que sumar obradoiros de: impresión sobre tea, malabares, sal pintada, tres en raia en arxila, pulseiras e colares con abelorios de papel, cadros con follas, títeres, impresión de camisetas, disfraces e marcapáxinas. Os xogos populares terán protagonismo, así como as rutas de sendeirismo polas paraxes máis fermosas que haxa onde se celebre o campamento.